Sábado 20 Abril 2024

Jorge Mira e Xavier Fonseca gañan os premios de Divulgación e Xornalismo da RAGC

Selina Otero, de Faro de Vigo, recibiu o accésit do premio Celia Brañas, que se entregan este martes cos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anunciou este luns a concesión do seu primeiro Premio de Divulgación Científica a Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademáis da organización de todo tipo de actividades para o gran público.

Desde 2005, dirixe o Programa ConCiencia, unha iniciativa ideada por el para promover a divulgación a cargo de científicos de primeira orde a nivel internacional, cos que ten traído a Galicia a numerosos Premios Nobel para impartir charlas dirixidas ao público xeral. Tamén é fundador e promotor de iniciativas como a Nerd Nite e varias actividades de observación astronómica na Costa da Morte, así como director da colección de divulgación científica da editorial da USC e comisario de exposicións como “Un mar de xenios na Fin da Terra”, a máis visitada en Galicia en 2013.

Publicidade

Entre os libros de divulgación publicados por Mira destacan A qué altura está o ceo? e A ciencia no punto de mira. As súas colaboracións en medios de comunicación, que comezaron a finais dos anos 90, inclúen a publicación de artigos en La Voz de Galicia e a participación en programas da Radio Galega e de Televisión de Galicia, a través de seccións propias sobre divulgación, así como tamén en Radio Nacional de España (RNE) e Televisión Española en Galicia (TVE-Galicia)

Premio de Xornalismo Científico

Selina Otero.
Selina Otero.

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, dotado con 3.000 euros netos e convocado conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), será recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán, publicada o 30 de outubro de 2019.

O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspóndelle ao segundo traballo mellor valorado, titulado A aposta científica das aulas galegas, asinado por Selina Otero e publicado o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.

Cerimonia en Santiago

Estes galardóns serán entregados mañá nunha cerimonia que terá lugar en Santiago de Compostela, na que tamén serán concedidos os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, convocados tamén conxuntamente pola RAGC e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble recollerá o premio “Ricardo Bescansa Martínez” como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía; o grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o premio “Francisco Guitián Ojea” á mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial; e o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC, o premio “Fernando Calvet Prats” por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA