A primeira imaxe 3D dos Piares da Creación

Utilizando o instrumento MUSE, instalado no VLT (Very Large Telescope) do European Southern Observatory (ESO), os astrónomos produciron a primeira imaxe tridimensional completa dos famosos Piares da Creación, na nebulosa da Aguia (Messier16). As novas observacións demostran como se distribúen no espazo os diferentes piares poeirentos deste obxecto icónico e revelan moitos detalles novos, incluíndo un inédito chorro procedente dunha estrela nova que ata agora non se vira. Co tempo, a intensa radiación e os ventos estelares das brillantes estrelas do cúmulo esculpiron os poeirentos Piares da Creación, que acabarán evaporándose completamente nuns 3 millóns de anos.

A imaxe orixinal dos Piares da Creación, obtida polo Telescopio Espacial da NASA/ESA, foi tomada hai dúas décadas e converteuse inmediatamente nunha das súas imaxes máis famosas e evocadoras. Dende entón, estas nubes vaporosas, que se estenden uns cantos anos luz, asombraron por igual a científicos e público en xeral.

Publicidade

A imaxe orixinal dos Piares da Creación foi tomada hai dúas décadas e é unha das súas representacións máis famosas e evocadoras

Tanto as estruturas saíntes coma o cúmulo de estrelas próximo, NGC 6611, forman parte dunha rexión de formación estelar chamada a nebulosa da Aguia, tamén coñecida como Messier 16 ou M16. A nebulosa e os seus obxectos asociados encóntranse a uns 7.000 anos luz, na constelación de Serpens (a serpe).

Os Piares da Creación son un clásico exemplo das típicas formas de columna que se desenvolven nas nubes xigantes de gas e po, os lugares onde nacen novas estrelas. As columnas xorden cando as inmensas estrelas blancoazuladas de tipo O e B recén formadas emiten unha intensa radiación ultravioleta e ventos estelares que empurran o material menos denso, expulsándoo da súa veciñanza.

Non obstante, os grumos máis densos de gas e po poden resistir esta erosión durante máis tempo. Detrás destes grumos máis grosos de po, o material está protexido do duro e fulminante fulgor das estrelas O e B. Esta blindaxe crea escuras “colas” ou “trompas de elefante”, e é o que vemos como o corpo escuro dun piar que apunta cara ás brillantes estrelas.

O instrumento MUSE, instalado no VLT(Very Large Telescope) de ESO, axudou a ilustrar, cun detalle sen precedentes, a evaporación constante dos Piares da Creación, revelando a súa orientación.

MUSE mostrou que a punta da columna esquerda está de fronte, no cume dun piar que se encontra en realidade detrás de NGC 6611, a diferenza dos outros piares. Esta punta lévase a peor parte da radiación das estrelas de NGC 6611 e, como resultado, vémola máis brillante que os piares das partes inferior esquerda, centro e dereita, cuxos extremos apuntan fóra do noso campo de visión.

Os astrónomos esperan comprender mellor como as estrelas novas de tipo O e B, como as de NGC 6611, inflúen na formación de estrelas de xeracións posteriores. Numerosos estudos identificaron protoestrelas formándose nestas nubes, polo que si son piares de creación. O novo estudo tamén achega novas probas da existencia de dúas estrelas en xestación nos piares da esquerda e o centro, así como dun chorro xerado por unha moza estrela na que non nos fixaramos ata agora.

Para o proceso de formación de estrelas en ambientes como o que se dá nos Piares da Creación, trátase dunha carreira contra o tempo, xa que a intensa radiación procedente das potentes estrelas xa existentes segue facendo estragos no ámbito.

Ao medir a velocidade de evaporación nos Piares da Creación, MUSE deu aos astrónomos un prazo de tempo para calcular o seu final: perden unhas setenta veces a masa do Sol cada millón de anos, máis ou menos. Baseándonos na súa masa actual (preto de 200 veces a do Sol), espérase que os Piares da Creación teñan unha vida útil de quizais 3 millóns de anos máis, ou o que é o mesmo, un pestanexo en tempo cósmico. Parece que un nome igualmente apto para estas icónicas columnas cósmicas podería ser “os piares da destrución”.

Este traballo presentouse no artigo científico titutlado “The Pillars of Creation revisited with MUSE: gas kinematics and high-mass stellar feedback traced by optical spectroscopy”, por A. F. McLeod et al., e aparece na revista Monthly Notices of the Royal Astronomical Society do 30 de abril 2015.

O equipo está formado por A. F. Mc Leod (ESO, Garching, Alemania); J. E. Dale (Observatorio da Universidade de Múnich, Alemaña; Grupo de excelencia “Universe”, Garching, Múnich, Alemaña); A. Ginsburg (ESO); B. Ercolano (Observatorio da Universidade de Múnich; Grupo de excelencia “Universe”); M. Gritschneder (Observatorio da Universidade de Múnich); S. Ramsay (ESO) e L. Testi (ESO; INAF/Observatorio Astrofísico de Arcetri, Florencia, Italia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.