María Loureiro e Senén Barro incorpóranse ao Consello Científico do Real Instituto Elcano

María Loureiro, catedrática de Economía, e Senén Barro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e director do Centro singular de Investigación en Tecnoloxía Intelixentes (CiTIUS), formarán parte do Consello Científico do Real Instituto Elcano. O obxectivo deste Consello é “fortalecer e multiplicar a capacidade de análise e o impacto” do Instituto Elcano sobre a comunidade académica, as redes de think tanks —literalmente, “tanques de pensamento”— e a sociedade no seu conxunto.

Na composición deste órgano participan de xeito paritario ao redor de 100 persoas procedentes de catro bloques temáticos: think tanks globais, investigadores e policy makers, académicos de Latinoamérica e embaixadores de España en activo. O conxunto de integrantes está asignado en torno aos dez eixos da axenda de investigación do instituto, e conta con representación das últimas xeracións de persoal investigador con carácter global. Como explica o profesor Senén Barro, o Real Instituto Elcano “é o principal think tank de España e un dos máis relevantes de Europa”. O Consello Científico será o órgano internacional consultivo de Elcano, en particular no contexto da investigación que o instituto realiza. En opinión da profesora María Loureiro, os retos deste órgano “están relacionados coa coordinación entre as distintas áreas para producir información útil e de carácter social, que permita o asesoramento especializado e imparcial en temas de actualidade relevantes para España”.

Publicidade

Áreas de especialización

Os dous catedráticos da Universidade de Santiago salientan os seus respectivos ámbitos de contribución. No caso da catedrática María Loureiro, asesorando en materias relacionadas con estudos sobre o impacto económico do cambio climático e outros aspectos vencellados á explotación dos recursos naturais. A docente fai unha valoración “moi positiva” da súa designación como integrante do Consello, dende o punto de vista persoal e como representante da universidade en centros de recoñecido prestixio. Recentemente, a profesora Loureiro participara tamén no proxecto España 2050 onde colaborou no desenvolvemento do estudo Fundamentos e propostas para unha estratexia nacional a longo prazo, documento que presenta unha diagnose sobre os desafíos aos que se enfrontará España a medio e longo prazo, analizando os posibles riscos e tamén as oportunidades que poderían xerar as mega tendencias, como o cambio climático, o envellecemento demográfico ou a transformación dixital.

No conxunto dos dez eixes da axenda de investigación de Elcano, Senén Barro estará particularmente implicado no de tecnoloxía e transformacións económicas. “O impacto das tecnoloxías máis transformadoras, singularmente as TIC, non só transcende fronteiras, senón que globaliza as sociedades e as economías do mundo”, explica o director do CiTIUS. Na súa opinión a coñecida frase ‘pensa globalmente, actúa localmente’ “faise especialmente pertinente neste caso, e será sen dúbida un dos retos de Elcano, ao que espero contribuír dun modo relevante”. Para explicalo, Barro apela ao feito de que os impactos locais destas tecnoloxías “son enormes: afectan ao emprego, á automatización do mesmo, á educación, á saúde… e son, de modo espontáneo, amplificadoras de desigualdades, polo que non podemos asistir impasibles ao seu desenvolvemento e aplicación”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa