Así é o mapa dos petróglifos de Galicia

Mapa da distribución dos petróglifos en Galicia. Fonte: GEPN-AAT.
Mapa da distribución dos petróglifos en Galicia. Fonte: GEPN-AAT.

Investigadores do grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela acaban de publicar a primeira análise detallada sobre o inventariado dos petróglifos de Galicia. Baseándose no Preinventario do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o equipo desenvolveu un mapa no que recollen as 3.374 estacións rupestres distribuídas polo país.

O estudo aborda cuestións como o número de rochas que conforman o fenómeno rupestre galego, a súa composición temática ou a súa distribución xeográfica. Os investigadores Carlos Rodriguez Rellán, Alia Vázquez Martínez e Ramón Fábregas Valcarce analizaron os datos colectados por medio de ferramentas de análise espacial e estatístico.

Principais grupos temáticos dos petróglifos localizados en Galicia. Fonte: GEPN-AAT.
Principais grupos temáticos dos petróglifos localizados en Galicia. Fonte: GEPN-AAT.

O traballo acaba de ser publicado na revista Trabajos de Prehistoria, e permite, por tanto, coñecer en detalle a enorme riqueza da arte rupestre galega. Os investigadores adiantan, con todo, que é “moi probable que o número de petróglifos catalogados siga aumentando nas próximas décadas”. Porén, este mapa permite situar a Galicia “á par doutros grandes centros rupestres do continente”. A posibilidade de dispor dunha relación completa das estacións rupestres “facilita a aplicación de técnicas estatísticas e análises SIX cunha maior fiabilidade e resolución que en traballos realizados en anos previos” explica o catedrático Ramón Fábregas.

A distribución destes restos  patrimoniais é desigual no territorio. No “cuadrante suroeste da comunidade (entre o cabo Silleiro e A Guarda) identifícase unha densidade maior de petróglifos, estes espállanse por boa parte da xeografía do país”, engade o profesor Fábregas Valcarce. A densidade dos petróglifos tamén é notable na península do Barbanza. Dentro do conxunto dos petróglifos catalogados, as análises evidencian un claro dominio dos gravados xeométricos (cazoletas e combinacións circulares) fronte aos naturalistas (zoomorfos, armas,…). Igualmente tamén indican a importancia numérica dos motivos de época histórica (cruciformes, alfabetiformes,…), deixando claro que o gravado das rochas presentes nos montes galegos transcendeu as barreiras temporais da Prehistoria para chegar practicamente ata hoxe, explican os investigadores.

O traballo pon de manifesto a variabilidade espacial, temporal e temática dos gravados que se atopan en Galicia

Os resultados que se amosan no artigo apuntan tamén a existencia dunha gran heteroxeneidade ou variabilidade interna do fenómeno rupestre galego que se manifesta tanto nunha distribución desigual das rochas gravadas ao longo do territorio galego, como na propia riqueza e complexidade dos motivos esculpidos e incluso respecto á súa implantación na paisaxe. En opinión dos especialistas da USC, esta heteroxeneidade deixa patente que a arte rupestre galega é un fenómeno complexo no seo do cal probablemente se acolle unha importante variabilidade temporal e tamén espacial, con determinadas áreas do territorio galego actuando como “núcleos” de especial riqueza de petróglifos, “cada un deles con idiosincrasia e características propias”.

O GEPN-AAT vén dedicándolle á arte rupestre “un importante esforzo investigador dende a década final do século pasado”, afirma Ramón Fábregas. Sobre a temática o grupo ten publicado dous libros e multitude de traballos en revistas científicas e congresos tanto nacionais como estranxeiros.

Aquí podes descargar o artigo.

4 COMENTÁRIOS

  1. E logo, do Eo cara o levante e do Minho cara o Sul não hai petróglifos?
    Que sentido fai impor os limites políticos actuais no estudo duma cultura comum vigente por milénios?

    • Penso que adoptar os límites administrativos actuais se debe a que para Portugal non se dispón ou dispoñía, polo de agora, dos servizos cartográficos ou de información xeográfica dixital que se empregaron para confeccionar o mapa galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.