Xoves 28 Marzo 2024

Lendas sobre un lugar aínda enigmático

O promontorio no que se atopa o castro da Lanzada ten sen dúbida un encanto especial que vai moito máis alá do seu atractivo turístico. Seguramente que a incríbel paraxe natural no que se atopa foi un dos elementos decisivos para que os seus primeiros moradores decidisen instalarse alí. Desde entón hai numerosos mitos e lendas que rodean a un lugar onde, máis aló das crenzas que poida ter cada un, parece que ocorren cousas sorprendentes.

Xa resulta extraordinario que nun espazo de terreo tan pequeno existisen un castro, unha ermida e un castelo medieval pero canto máis se investiga máis sorpresas depara esta pequena lingua de terra que entra no mar e que no verán se converte nun dos puntos máis visitados da costa galega.

Publicidade

O mito da fertilidade acompaña a diversos cabos repartidos polo mundo

Sen dúbida a lenda máis coñecida en toda Galicia é a do baño das nove ondas que se recomenda ás mulleres que desexan ter fillos. O mito da fertilidade acompaña a diversos cabos repartidos polo mundo pero este ten as súas peculiaridades. En teoría o baño debe realizarse de madrugada e durante unha noite de lúa chea. A muller debe recibir nove ondas e, posteriormente, deitarse sobre a “cama da Virxe” próxima á ermida. Ademais dos seus efectos positivos para a maternidade din tamén que o baño ten propiedades terapeúticas. Como xa cantaba unha antiga copla (cun indubidable cheiro machista):

Levei á miña muller
á Lanzada ás nove ondas
leveina a desinfeitar
e botar os demos fóra

Outro dos mitos que rodean á Lanzada a identifica como punto de partida da Santa Compaña, que realizaría desde aquí un traxecto ata a illa de Ons, onde se supón que se atopa un pozo do inferno cara ao que se dirixen os membros da procesión. Como en toda lenda non se sabe moi ben se os membros da Santa Compaña viaxan en barco, camiñan sobre as augas ou van mergullados, pero iso é o de menos.

O que si está demostrado é que durante o século XIX e primeira metade do XX, A Lanzada foi un dos núcleos de curanderismo máis importantes de Galicia. A fama de milagrera da Virxe da Lanzada e as lendas que rodean ao xacemento castrexo e a necrópole convertéronse nun cóctel perfecto para que centos de persoas acudisen a este lugar para curar o mal de ollo e a sarna. O rito incluía botarse espidos sobre a herba durante a noite de San Xoán. O costume decaeu aínda que moitos aínda o evocan  (á súa maneira) en distintos lugares de Galicia durante unha das noites máis máxicas do ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O renacer do Entroido: “Hai un desexo de diferenciación e xorden festas novas”

O antropólogo Rafael Quintía apunta que nalgúns lugares recibe o nome de ‘Entruido’ ou ‘Antroido’ e que é unha festa fundamentalmente rura

A temperatura do mar, entre as posibles causas da aparición de carabelas portuguesas en Galicia

Estes organismos con apariencia de medusa foron detectados en múltiples areais e picaron a varias persoas
00:00:21

A Lanzada volve cubrirse de navallas mortas durante outra subida da temperatura do mar

O anterior episodio ocorreu hai tan só un mes e a Consellería do Mar apunta que as augas cálidas poden ser a causa desta perda de marisco

Que son os Trubincos? A figura mitolóxica galega que te visitará en Noiteboa

Na parroquia de Salcedo, en Pontevedra, está a orixe duns trasnos propios do Nadal que baixan pola chimenea e piden piñas con brea