Martes 23 Abril 2024

Confín dos verdes castros

De plácidos poboados xunto ao mar, a castros fortificados nos altos cumes. Desde asentamentos comerciais aos dedicados á salgadura de peixe. Do mundo castrexo ao mundo romano. O programa “En busca da pegada galaico-romana” permítenos descubrir 18 interesantes xacementos na provincia de Pontevedra. Cada cal dá acubillo a súa propia historia e todos teñen un trazo distintivo que convida a coñecelos todos.

Castro de Troña, en Ponteareas.
Castro de Troña, en Ponteareas.

En Campo Lameiro, o castro de Penalba ten fortes vencellos cos petroglifos. De feito, podemos atopar aquí a Pedra da Serpe, un importante gravado que nos fala das crenzas da Idade do Ferro. Os primeiros poboadores chegaron a este outeiro sobre as terras do Lérez no século VIII a.C.
En Tui, na ladeira do monte Aloia, o castro do Alto dos Cubos está datado dende o século III antes de Cristo. Dende as súas primeiras escavacións, en 1933, chama a atención pola ‘muralla ciclópea’, un muro de 1.250 metros de longo para o que aínda non se atopou unha datación exacta.
No que atinxe á orfebrería, destaca o castro de Coto de Altamira, en As Neves, rico en figuras de bronce como unha vaca, un porco e o deus Mercurio, todas elas conservadas no Museo de Pontevedra. En dous outeiros, se sitúan os castros de Toiriz (Silleda) e da Subida (Marín). Este último contén varios petroglifos.
A importancia da paisaxe é común en todos os poboados castrexos. E bo exemplo disto é o Alto da Cruz do Castro, en Cotobade, situado nun outeiro no que en tempos había varias cruces de pedra. Habitado dende o século III a.C., ten un magnífico exemplo de aproveitamento posterior das estruturas dun asentamento prerromano. A base dunha antiga vivenda circular foi convertida nun muiño de vento.

No castro da Lanzada (Sanxenxo) atopouse unha fábrica de salgadura anterior á romanización

En Castrolandín (Cuntis), hai combinadas vivendas circulares castrexas con outras de planta rectangular de época romana. Todo isto nun conxunto situado nas terras do río Galo. Pola súa banda, A Cabeciña, en Oia, ofrece espectaculares vistas ao mar. Nestas escavacións foron atopadas pezas de cerámica e puntas de lanza, ademais de estar localizados os muros defensivos que protexían este outeiro.
Pero, entre as grandes alfaias do patrimonio castrexo na provincia de Pontevedra, destaca o castro de Troña, en Ponteareas, monumento Histórico-Artístico dende 1949. Ten un espectacular muro defensivo e viviu o seu esplendor entre os séculos I a.C. e II d.C. Foi escavado por primeira vez en 1922 e preside hoxe o poboado a capela do Doce Nome de Xesús.

Escavación no castro do monte Trega, na Guarda.
Escavación no castro do monte Trega, na Guarda.

Entre os castros marítimos, o catálogo é amplo e diverso. En O Grove, está o de Adro Vello, xunto á praia do Carreiro, que combina o pasado prerromano cunha necrópole, unha igrexa visigótica e unha fortificación medieval. En A Lanzada (Sanxenxo), o poboado destaca por acoller unha das máis antigas factorías de salgadura, construida antes da chegada dos romanos. Os investigadores cren que este castro mantiña un importante comercio, mesmo co Mediterráneo.
Outro tanto sucedía co chamado Mercado dos Mouros, en Valga, que pasou de ser un pequeno asentamento que vivía da pesca no río Ulla a converterse nun porto romano, no que se teñen atopado ánforas do modelo Haltern 79, empregadas para tráfico mercante de importancia.

Publicidade

O facho de Donón, en Cangas, acollía o santuario de deus lar Berobreo

En Vilagarcía, o castro de Alobre tamén destaca entre os marítimos. Situado xunto ao porto, incrustado na zona urbana, era un asentamento dedicado á pesca no que se teñen atopado máis de 30 tumbas e un ara romana dedicada ao deus Neptuno.
Entre os castros situados en altos cumios, cóntase o Monte do Castro, en Ribadumia, entre as parroquias de Leiro e Besomaño. Sabemos que foi arrasado nun incendio no século I da nosa era. Pero se teñen atopado importantes pezas, como unha escultura antropomorfa, dun posible guerreiro, que hoxe está exposta no Museo de Pontevedra.
Na Igrexa Vella, en Valga, o castro deu paso a un cenobio medieval e a un posterior mosteiro benedictino. E, en Porta de Arcos, en Rodeiro, hai unha vila romana, coas súas diferentes estancias, que ocupa unha superficie de 6.000 metros cadrados.
Dous xacementos estrela pechan esta relación. Os dous están situados en outeiros con vistas impresionantes. O primeiro é o Facho de Donón, en Cangas, que domina o mar de Vigo, as illas Cíes e a Costa da Vela. Aquí foron atopadas máis de 180 aras rituais, no que se cre un santuario consagrado ao deus lar romano Berobreo.
Pola súa banda, o castro de Santa Trega, en A Guarda, é o lugar de Galicia máis visitado polo turismo tras da catedral de Santiago. Conta cun museo, nun edificio deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, que acolle a importante colección de pezas atopadas aquí dende as primeiras escavacións. Ten consideración de Monumento Histórico Artístico dende 1931 e a paisaxe dende os seus 341 metros de altitude é un auténtico agasallo para a vista.

Aquí podes ver o noso especial ‘En busca da pegada Galaico-Romana’
En busca da pegada galaico-romana

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas