Plantas que se adaptan para favorecer a súa polinización por insectos. É o tema do novo vídeo do premiado grupo ‘Divulgare’ da Universidade de Vigo, que acumula galardóns polos seus audiovisuais de divulgación científica, sempre asociados a estudos publicados en revistas de impacto.
Neste novo vídeo explican a plasticidade fenotípica como resultado de mecanismos presentes en moitos organismos por medio dos cales un mesmo xenotipo pode producir diferentes fenotipos cando se expón a diferentes ambientes. Coas mesmas instrucións xenéticas, os resultados poden ser distintos.
Neste vídeo Divulgare amosa como a plasticidade individual dentro das flores de Moricandia arvensis (Brassicaceae) permite a esta especie modificar o seu nicho de polinización. Durante a primavera, esta planta produce flores lilas grandes, en forma de cruz, que reflicten os raios UV e atraen principalmente abellas grandes de lingua longa.
Con todo, a diferenza da maioría das especies coexistentes, M. arvensis mantén a floración durante o verán seco e caloroso debido á súa plasticidade en trazos vexetativos clave relacionados co metabolismo fotosintético. Os cambios que se producen no verán na temperatura e o fotoperíodo desencadean cambios na expresión xénica e a planta comeza a producir flores brancas pequenas, arredondadas e que absorben os raios UV. Estas “novas flores de verán” son visitadas por un conxunto de polinizadores diferentes aos que visitan esta planta na primavera.
O artigo asociado foi publicado en Nature Communications