Traballo en equipo: así abren dúas abellas unha botella de refresco

Un vídeo gravado en São Paulo esperta a curiosidade sobre o comportamento colaborativo destes insectos

É ben coñecido o labor cooperativo e comunitario das abellas. O seu estudo fixo que a ciencia descubrise, ademais, o seu papel de polinizadoras, a harmonía física e matemática que agocha a súa danza, o recoñecemento facial ou o uso de diversas ferramentas. E tamén nos topamos, de cando en vez, con imaxes curiosas froito deste traballo en equipo: un vídeo realizado en São Paulo amosa como dous destes insectos conseguen abrir o tapón dunha botella de refresco para acceder ao prezado líquido azucrado do interior, unha gran fonte de alimento para os insectos.

Como é posible que as abellas consigan levantar o tapón? En 1973, o etólogo Karl von Frisch recibiu o Nobel de Medicina e Fisioloxía polas súas investigacións sobre a comunicación das abellas. Tempo antes, o científico xa expuxera que estes insectos tiñan un cerebro moi pequeno para pensar e establecer estratexias, polo que atribuíu a súa ‘intelixencia’ a unha capacidade innata.

A pesar de ter a cabeza do tamaño dunha semente de herba, un 0,0002% o tamaño dun cerebro humano, investigacións máis recentes demostraron as súas aptitudes intelixentes. Non só poden aprender unhas das outras e usar ferramentas, senón que poden aplicar operacións matemáticas básicas.

Aínda hoxe non hai consenso sobre a explicación desta fascinante capacidade para un insecto. Von Frisch admitía que as abellas podían desenvolver “fazañas intelectuais” pero que o conseguían por instinto, fracasando decote cando se enfrontaban a tarefas descoñecidas. Que pasa, por exemplo, co desafío de abrir unha tapa de refresco? Non é un traballo para o cal evolucionasen na natureza, pero si é posible que a presenza da recompensa do azucre impulsou a súa loita para superar a resistencia.

Nun experimento recente, intentouse adestrar a un grupo de abellas para facer rodar unha pelota ata un obxectivo a cambio dunha recompensa. Para isto, necesitaban copiar os movementos dos outros individuos e aprender dos erros, algo que fixeron con notable facilidade.

“Agora somos quen de recoñecer que moitas especies teñen a capacidade de imaxinar como un determinado obxecto pode ser usado para conseguir un fin”, escribiron os autores do traballo. Incluso co seu pequeno circuíto neuronal, estes insectos poden conseguir moito máis do que cremos. E é probable que nos vindeiros anos, cun coñecemento maior da cuestión, se siga atopando a explicación desta sorprendente habilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.