Sábado 20 Abril 2024

Esta é a reacción dos primates ao seren gravados no seu hábitat

Científicos alemáns rexistran condutas diferentes entre gorilas, chimpancés e bonobos cando se introduce unha cámara no seu entorno

Unha das principais técnicas que se empregan para seguir ás especies ameazadas é gravar en vídeo ás súas poboacións. Co obxectivo de coñecer como reaccionan distintas especies de primates, como chimpancés, bonobos ou gorilas, cando se introducen cámaras no seu hábitat, investigadores do Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva de Alemaña colocaron estes dispositivos en bosques africanos poboados de simios.

“O noso obxectivo era ver como reaccionaban os primates ante obxectos descoñecidos na natureza, principalmente para determinar se a presenza do equipo que se utiliza en investigación, como as cámaras, ten algún efecto no seu comportamento”, sinala a primatóloga Ammie Kalan.

Publicidade

Segundo os resultados, publicados esta semana na revista Current Biology, aínda que todos os individuos notaron a presenza de obxectos estraños, a conduta de cada especie era distinta. Mentres que os chimpancés non mostraban ningún interese e apenas se daban conta da súa presenza, os gorilas e os bonobos eran máis curiosos. Estes últimos, máis preocupados, mantíñanse afastados dos dispositivos.

“Sorprendéronnos especialmente as diferentes reaccións que observamos entre estes dous grandes grupos de simios. Como son especies irmás e comparten moitas das mesmas características xenéticas, esperabamos que actuarían de forma similar fronte á cámara”, engade a investigadora.

Dentro da mesma especie de primates, as condutas tamén eran dispares. Para os expertos, os simios que viven en áreas con maior actividade humana poden volverse insensibles a obxectos descoñecidos. Con todo, outro membro da mesma especie que estivese menos exposto a artigos novos podería ter un maior interese.

Segundo os investigadores, os resultados demostran que á hora de deseñar estratexias de investigación en contornas salvaxes hai que considerar como reaccionará cada animal aos cambios.

“A variación de condutas entre especies distintas e dentro da mesma especie cara aos obxectos descoñecidos pode ser problemática cando se trata de recompilar os datos de seguimento”, afirma Kalan.

“Para frear este efecto, sería útil desenvolver un período de familiarización, onde os animais salvaxes poden afacerse aos novos obxectos”, conclúe.

Referencias: Novelty Response of Wild African Apes to Camera Traps (Publicado en Current Biology, 14 de marzo).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a primeira imaxe dunha tartaruga xigante cazando un paxaro

Unha secuencia gravada nunha illa das Seychelles achega a primeira evidencia documental deste comportamento dun quelonio fronte a unha ave

O rastro no ADN doutra epidemia de coronavirus con máis de 20.000 anos de antigüidade

Unha análise de xenómica evolutiva atopa sinais de adaptación a un virus semellante ao SARS-CoV-2, principalmente en poboacións do leste de Asia

Un animal microscópico do Ártico volve reproducirse tras 24.000 anos conxelado

A revista "Current Biology" publica unha investigación que describe como un rotífero recuperou a vida no laboratorio tras ser desconxelado do permafrost

Rebeca Atencia, primatóloga ferrolá: “Os chimpancés son como a miña familia”

A investigadora galega é directora do Instituto Jane Goodall no Congo, onde dirixe o centro de recuperación de chimpancés máis grande de África