As imaxes amosan a diferenza cun tipo de máscara N95 con válvula (esquerda) e outra N95 sen ela á hora de exhalar partículas sen filtrar. Fonte: M. Staymates/NIST.
As imaxes amosan a diferenza cun tipo de máscara N95 con válvula (esquerda) e outra N95 sen ela á hora de exhalar partículas sen filtrar. Fonte: M. Staymates/NIST.

Por que as máscaras con válvula non son boa idea: un exemplo visual

Enxeñeiros estadounidenses amosan nun experimento como estas pezas non frean a difusión de pingas respiratorias que poden conter virus

A pesar das advertencias das autoridades sanitarias, que levan tempo desaconsellando o uso de máscaras con válvula exhalatoria, moitas persoas seguen usando estes tapabocas no medio da pandemia da Covid-19. E engándense as evidencias sobre a pouca eficacia destes complementos á hora de frear a cadea de contaxios. Un dos últimos exemplos é un experimento realizado polo Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía (NIST), dos Estados Unidos, recollido nun artigo científico, e que visualiza de forma clara o motivo polo que non deberiamos empregar máscaras con válvula. O traballo está acompañado de dous vídeos, que se amosan baixo estas liñas, nos que se comproba como a válvula permite a saída de aire da máscara sen filtralo.

A través de distintas técnicas, os investigadores gravaron diferentes emisores de aire (a unha persoa e a un maniquí) exhalando aire. Á súa vez, o experimento repetiuse sen ningún filtro ou máscara, cunha máscara N95 sen válvula (modelo 8210) e con outra máscara N95 con válvula (modelo 8511).

Só o usuario está protexido

Segundo o estudo, as máscaras con válvula son máis cómodas ao facer que sexa máis fácil respirar, pero están concibidas para protexer unicamente ao usuario. Por exemplo, recoméndanse para protexer aos operarios en lugares de traballo con moito po en suspensión, ou aos traballadores do hospital que traten con pacientes infectados.

Con todo, as máscaras sen válvula que se recomendan desde as autoridades sanitarias para frear a propagación da Covid-19 están destinadas principalmente a protexer a outras persoas, ademais do usuario, xa que reducen a propagación da enfermidade ao capturar pequenas pingas exhaladas que poderían conter o virus.

“Non usamos unha máscara para protexernos. Usámola para protexer á persoa que está ao meu lado, porque eu podería ser asintomático e transmitir o virus sen sequera sabelo”, explica Matthew Staymates, enxeñeiro do NIST. “Pero se levo unha máscara cunha válvula, non estou a axudar”, considera o investigador.

No primeiro dos vídeos, Staymates e o seu equipo expón o que se coñece como un sistema de imaxes Schlieren, que fai que as diferenzas na densidade do aire se vexan na cámara como patróns de sombra e luz. Os seus resultados mostran que a respiración exhalada vólvese visible porque é máis cálida e, por tanto, menos densa que o aire circundante.

No segundo caso, empregouse unha técnica de dispersión de luz mediante LED de alta intensidade, colocada detrás do maniquí, que ilumina as pingas no aire, facendo que se vexan brillantes na cámara.

Os autores do traballo agardan que os vídeos axuden a comprender o risco de usar este tipo de máscaras

Tanto o fluxo de aire no primeiro caso como as pingas exhaladas no segundo saen disparadas cando non leva máscara, pero tamén cando se emprega unha máscara con válvula. Os autores esperan que os vídeos axuden ás persoas para comprender, dunha ollada, por que as máscaras destinadas a frear a propagación da Covid-19 non deberían ter válvulas.

Tamén, advirten de que nesta investigación unicamente analizouse un tipo determinado de máscara con válvula. Os diferentes tipos de máscaras con válvulas funcionan de maneira diferente. Ademais, inciden en que as máscaras que non se axustan ben ao rostro permitirán que se escape algo de aire ao redor da máscara en lugar de filtrarse a través dela. Isto tamén pode comprometer o seu rendemento.


Referencia: Flow visualization of an N95 respirator with and without an exhalation valve using schlieren imaging and light scattering (Publicado en Physics of Fluids).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.