A medio camiño entre a boca do novo volcán de La Palma e a costa da illa, unha vivenda rodeada por palmeiras érguese no medio da desolación. E está a converterse nunha das iconas da erupción que avanza inexorable polo oeste da illa, causando a destrución de máis de 300 edificacións e varios quilómetros de estradas, monte e superficies agrícolas. “Por agora, segue a salvo”, di Alfonso Escalero, fotógrafo do equipo de “I Love The World”, sobre a casa coa que chegou ás portadas dos medios de medio mundo desde onte.
Explica Escalero que o equipo da empresa audiovisual, que se dedica a facer traballos de paisaxismo e natureza para compañías e institucións públicas de medio mundo, acababa de finalizar un traballo en Andalucía cando o volcán entrou en erupción. “Viñemos a toda présa para filmar o que fose posible, alugamos un helicóptero, trouxemos os nosos drones e outros equipamentos de filmación para gravar o momento”.
Foi entón cando se atoparon co panorama desolador da erupción nas áreas arrasadas pola coada volcánica. “Non estabamos preparando para isto, é case que unha escena de guerra e quedamos destrozados. Chegamos ilusionados, pero atopámonos co inferno. O espectáculo da natureza é impoñente, mais cando ves a desgraza que está a vivir tanta xente e quedas sumido na tristura”, lamenta o fotógrafo. Tal foi o impacto que desde entón, Escalero non volveu gravar imaxes diúrnas, e só está a traballar cando a noite resalta a luz do volcán pero a destrución queda, en parte, oculta.
E neste contexto, a vivenda que permaneceu a salvo da lingua de lava e rochas é, para Alfonso Escalero, unha “imaxe para a esperanza”, e “algo ao que agarrarse para seguir adiante, no momento no que se pechan portas pero se abren xanelas”.
A casa, segundo imaxes de satélite previas á erupción, atópase entre os núcleos de El Paraíso (o primeiro en ser afectado pola lava nas primeiras horas da erupción), Los Campitos e Todoque.