Xoves 28 Marzo 2024

Así avanza a erupción en La Palma: ábrese unha nova boca e aumenta a superficie afectada

A nova lingua soterraba onte o cemiterio da localidade de Las Manchas, aumentando o total de hectáreas alcanzadas pola lava

O volcán de La Palma semella non querer dar tregua. Ao redor das 9 horas de onte produciuse súbito incremento na emisión de lava no punto efusivo principal e, sobre as 11 horas, desde algún dos puntos de emisión máis ao leste, conformábase unha nova coada que, inicialmente moi fluida, discorreu a gran velocidade pola zona máis ao sur da erupción e de forma paralela á denominada como lingua 10.

Co tempo, esta coada volveuse máis viscosa, debido ao material que arrastra, e ralentizouse, pasando a circular a uns 25 metros/hora. A lingua transcorre por partes de Las Manchas non afectadas previamente, tendo traspasado xa a planta fotovoltaica e o cemiterio da localidade. Así mesmo, ten baixo ameaza varias áreas urbanizadas, se ben todas elas fan parte das zonas de exclusión e evacuadas.

Publicidade

Os outros aportes de enerxía atópanse sobre as coadas 7 e 5, se ben tamén permanece activa a 1. Asemade, constatouse un incremento da taxa de emisión, con aumento da ramificación de canles lávicas e desbordamentos que afectan á zona entre a 4 e a 7, así como aquela que rodea a parte noroeste da Montaña de Todoque, segundo apunta o Comité Director do PEVOLCA.

 

Máis hectáreas afectadas

Cun ancho máximo entre coadas de 3.350 metros, a superficie afectada estimada aumenta en máis de 11 hectáreas e supera as 1.100. O delta lávico sur ten, aproximadamente, una extensión de 43,46 hectáreas desde a beiramar, mentres que o delta lávico norte superaría escasamente as 5.

No que respecta á superficie de cultivos soterrada pola lava, estimase en 340,59 hectáreas, cinco máis que en días previos. Unha cifra á que engadir a superficie illada polas coadas e a coberta polas cinzas. Pola súa parte, nos últimos datos do Catastro figuran xa 1484 edificacións destruídas.

Sismicidade

A sismicidade daba onte un novo susto á poboación de La Palma. Ao redor das 22:40, hora local, tiña lugar un tremor de 4.8 de magnitude e de intensidade IV-V, que foi sentido en toda a illa e nas tres máis próximas (La Gomera, El Hierro e Tenerife). Xa na madrugada de hoxe, o movemento sísmico de maior magnitude alcanzaba os 3.5, segundo informou o Instituto Geográfico Nacional (IGN). Este terremoto localizouse ás 2:50 horas no municipio de Fuencaliente, a 14 kilómetros de profundidade.

Dos 13 sismos producidos durante as primeiras horas do día de hoxe, cuatro localizáronse no municipio de El Mazo, e nove en Fuencaliente, con profundidades que oscilaron entre os 10 e os 17 quilómetros. O primeiro localizouse no concello mazuco ás 00:21, cunha magnitude de 2.4 e a 12 quilómetros de profundidade. O último, de magnitude 2.5 e a 12km de profundidade, situouse ás 5:32 en Fuencaliente.

Con todo, a sismicidade permanece no nivel baixo, se ben é posíbel que se produzan máis sismos sentidos, podendo chegar a alcanzar intensidades V-VI na escala EMS e dar lugar a pequenos derrubamentos en zonas de pendente.

Condicións meteorolóxicas

Perante a probabilidade de choivas intensas, o Goberno canario vén de declarar a situación de alerta, recomendando á poboación que extreme as precaucións tanto nas tarefas de limpeza como na estrada. A gran acumulación de cinzas pode favorecer a formación de fluxos hiperconcentrados de lodo en zonas de forte escorrentía. As choivas poden remobilizar estes materiais depositados, facendo que se despracen a través da pendente natural do terreo, provocando escorreduras e derrubamentos.

No que respecta á calidade do aire, os valores rexistrados en dióxido de xofre SO2 foron bos ou razoablemente bos na meirande parte das estacións, excepto en El Paso e Los Llanos de Aridane, que chegaron a niveis desfavorábeis. Sobre as partículas PM10, mércores superábase o valor límite diario en Los Llanos de Aridane, mentres que o indicador pasaba a regular en La Grama e en Los LLanos.

Por outra banda, as condicións meteorolóxicas continúan a ser desfavorábeis para a operatividade aeroportuaria, posto que as previsións apuntan a que a nube de cinzas e SO2 continúe disposta cara ao leste e nordeste desde o foco eruptivo. Así o aeroporto de La Palma permanece pechado. Con todo, a partir do sábado agárdase un cambio na dirección do vento, que podería supor unha mellora para a actividade do aeroporto da illa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois

Un proxecto con participación galega estuda os efectos na saúde da erupción da Palma

O profesor da USC Alberto Ruano liderado o estudo, que se centra no impacto que o suceso está a ter en 2.000 persoas e durante os próximos cinco anos

Unha imaxe do volcán da Palma gaña un concurso fotográfico da NASA

As galardoadas no Torneo da Terra asocian as imaxes dos satélites cos catro elementos da natureza: terra, auga, aire e lume