Xoves 28 Marzo 2024

A Fervenza do Ézaro, no seu esplendor ao abrir as comportas do encoro de Santa Uxía

As chuvias dos últimos días, que xa superaron os 100 litros por metro cadrado no que vai de día, provocan que o Concello de Dumbría corte o acceso

Xa había activado un aviso laranxa por vento no mar e precipitacións no oeste de Galicia, e as predicións estanse cumprindo. Unhas das imaxes máis salientables destes días de auga pode verse na Fervenza do Ézaro, a espectacular desembocadura do río Xallas entre os concellos de Dumbría, Mazaricos e Carnota.

As comportas do encoro de Santa Uxía, situado pouco antes da fervenza, tiveron que abrirse debido á gran cantidade de auga que leva o Xallas, e o caudal correu en gran volume pola catarata. De feito, tal e como informou o Concello de Dumbría a través das redes sociais, o acceso á pasarela que leva aos pés da fervenza está cortado pola gran cantidade de auga que leva o río.

Publicidade

Precisamente preto do leito do Xallas, a estación da Axencia Estatal de Meteoroloxía na Picota (Mazaricos) rexistraba, ata as 12 desta mañá, o nivel de precipitacións máis alto de todo o territorio español, con 109,2 litros por metro cadrado desde a medianoite do mércores. A rede de MeteoGalicia xa recolle en Muralla (Lousame) 103,6 l/m2, e outras tres estacións da comarca de Soneira e Xallas acadaron máis de 80 litros: Coto Muíño (Zas), con 94; A Gándara (Vimianzo), con 88,4; e Fontecada (Santa Comba), con 82,6.

A orixe da Fervenza do Ézaro

Esta desembocadura en forma de catarata é un caso moi peculiar no mundo. O río Xallas percorre a comarca que lle dá nome ata que, nos seus últimos quilómetros, queda encaixadao pola mole granítica do monte Pindo, de 627 metros de altura. Desde a cima pode verse toda a costa entre o cabo Fisterra e a praia de Carnota, a máis longa de Galicia. Segundo explica o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, o Pindo “xerouse no interior da Terra hai 325 millóns de anos a 24 quilómetros de profundidade, aínda que non ficou ao descuberto debido a erosión ata hai 200 millóns de anos”.

Vista aérea do último tramo do río Xallas, entre o encoro de Santa Uxía e O Ézaro, incluída a fervenza.
Vista aérea do último tramo do río Xallas, entre o encoro de Santa Uxía e O Ézaro, incluída a fervenza.

Millóns de anos despois, no Terciario, entre 65 e 24 millóns de anos antes de agora, formouse o Xallas, “un río novo, xeolóxicamente falando”, segundo Vidal Romaní. Deste xeito, ao atoparse cunha enorme masa granítica coma o Pindo, o río non deu escavado a súa canle, polo que aínda fica a medio facer.

O salientable é que en todas as rías galegas se repite a situación do Ézaro, pero no resto dos casos, a fervenza está agochada baixo a auga. Se o nivel do mar retrocedera aos puntos máis baixos da última glaciación, poderiamos ver este tipo de fenómeno en moitas rías do país.

Podes ver máis neste vídeo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.