Vinte claves sobre a vacinación contra a Covid-19

A Axencia de Coñecemento en Saúde publica unha serie divulgativa de Federico Martinón, asesor en materia de vacinas da OMS

Por que foi posible que en apenas un ano estean xa dispoñibles as vacinas contra a pandemia do coronavirus? Cal é a súa eficacia? Que efectos secundarios pode ter a inmunización? E que contraindicacións ten? Para responder ás moitas e variadas preguntas que xurdiron na poboación arredor da campaña de vacinación contra a Covid-19, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia difundiu nos últimos días unha serie de vídeos divulgativos nos que intervén o doutor Federico Martinón Torres, xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), e investigador principal do grupo de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GENVIP) do IDIS de Santiago. Martinón é, ademais, membro do comité asesor de vacinas da Organización Mundial da Saúde (OMS).

No contexto da terceira onda da pandemia, cunhas cifras preocupantes nas últimas semanas, a inmunización dos colectivos máis vulnerables xogará un papel fundamental para evitar un novo colapso do sistema sanitario.

Unha vacina en tan pouco tempo?

“Neste caso confluíron moitas circunstancias, fundamentalmente a sincronía de todos os axentes necesarios: políticos, sociais, industria farmacéutica, a academia, traballando de forma enérxica na mesma dirección para lograr unha vacina”, expón Martinón. Alén disto, o investigador destaca que “non se saltou ningún dos pasos necesarios” que se requiren nestes procesos, senón que se fixeron de forma simultánea. “Ao mesmo tempo que se fai o desenvolvemento de fases clínicas de experimentación habitual estase xa traballando na produción e fabricación da vacina”. Deste xeito, apunta o doutor, “os requisitos que se esixen a cada unha das vacinas que se vaian aprobando (no caso da Covid-19) son os mesmos, por parte das axencias regulatorias, que se lle esixen para calquera vacina”.

Persoas embarazadas, lactantes, nenos e nenas?

Os ensaios clínicos realizados ata o momento, segundo expón Martinón, non teñen datos específicos sobre embarazadas e mulleres lactantes. Con todo, nas vindeiras semanas e meses desenvolveranse ensaios específicos con estes colectivos para comprobar posibles efectos adversos. “Como para calquera vacina, aplicamos un principio de precaución, e ata que non saibamos os datos específicos desta vacina nese contexto non está indicado“.

No caso de nenos e nenas, os ensaios realizados ata o momento nas vacinas xa autorizadas non inclúen os datos suficientes. Os estudos en menores de 16 anos iniciaranse “previsiblemente na primavera” de 2021, apunta o investigador galego, e será a partir de entón cando se poidan obter as evidencias suficientes ao respecto para permitir a vacinación en menores. Por agora, deste xeito, non se poderán vacinar.

Alerxias, persoas inmunodeprimidas, outros problemas?

As reaccións alérxicas, que poden xurdir en moitos fármacos, poden aparecer tamén con algunhas vacinas. Con todo, son casos moi excepcionais que, no caso de xurdir, están baixo vixilancia do persoal sanitario. “As vacinas adminístranse sempre nun contexto supervisado, é un acto médico no que as persoas que realizan a vacinación están preparadas para atender, se sucedese, unha reacción de tipo alérxico.

No caso da vacina da Covid-19, Martinón aclara que as contraindicacións cínguense a persoas que experimentasen reaccións alérxicas á propia vacina contra o coronavirus ou a algún dos compoñentes da mesma. “No resto de persoas alérxicas, que teñan maior sensibilidade a alérxenos en xeral, simplemente facelo coa supervisión e as precaucións axeitadas”.

As precaucións no caso da vacina a persoas que reciben terapias anticoagulantes ou con trastornos hemorráxicos son as mesmas que para calquera outra inxección, aclara o experto en vacinas. “Aplícase o mesmo principio de precaución: agullas máis finas, presionar no punto para evitar o sangrado local, etc.”.

No referente a pacientes con cancro, ou persoas inmunodeprimidas, Martinón expón que non hai datos específicos. “A realidade é que ao ser unha vacina non viva, que non contén material que poida ser infectante, desde un punto de vista de seguridade podemos administrala con tranquilidade; pero en xeral temos que contar con que a resposta inmune nestes casos pode ser menor, dependendo do trastorno ou a medicación inmunodepresora que esta persoa teña”.


Estes son todos os vídeos da serie sobre a vacinación da Covid-19:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.