Canto tarda en caer unha bóla desde un quilómetro de altura en cada planeta?

A distinta gravidade de cada astro no sistema solar provoca unhas diferentes velocidades, que podes ver claramente neste vídeo

A atracción que o noso planeta exerce sobre todos os corpos arredor del é un fenómeno sobre o que moitas veces non paramos a pensar. É igual en todos os astros do universo? Sabemos o que pasa cando deixamos caer unha bóla desde o alto dun edificio na Terra, pero que pasaría na Lúa, en Marte ou en Xúpiter? O científico e divulgador James O’Donoghue, que traballa na axencia espacial do Xapón (JAXA), difundiu un vídeo, que se pode ver sobre estas liñas, e que acadou unha notable repercusión nas redes. Nel amosa como caería unha bóla en cada un dos oito planetas que orbitan arredor do Sol, así como na Lúa e os planetas ananos Ceres e Plutón.

A bóla, por tanto, cae ao mesmo tempo de todos os puntos do Sistema Solar, pero inmediatamente despois comezan as diferencias. A enorme forza de gravidade que exerce o Sol (cunha aceleración de 274 m/s2) fai que en apenas 2,7 segundos, a bóla supere os 2.660 quilómetros por hora e caia na superficie da estrela. Nese tempo, na Terra, cunha gravidade de 9,81 m/s2, a bóla apenas tería percorrido unha pequena parte do descenso e viaxaría a menos de 100 km/h.

“Isto debería dar unha idea do tirón que sentirías en cada obxecto”, expón O’Donoghue, que explica algunhas das peculiaridades observadas. “Pode parecer sorprendente que os planetas máis grandes teñen unha gravidade comparable aos máis pequenos; por exemplo, Urano tira da bóla máis lentamente que a Terra. Por que? Porque a densidade baixa de Urano afasta a superficie da maioría das masas”. E, do mesmo xeito, conta o científico, “Marte ten case o dobre de masa ca Mercurio, pero pode verse que a gravidade na superficie é case a mesma; isto indica que Mercurio é moito máis denso ca Marte”.

Despois do Sol, Xúpiter é o planeta no que a gravidade atrae máis rápido á bóla, con 24,8 m/s2, nun traxecto de 9 segundos, seguido de Neptuno, Saturno e a propia Terra, cunha viaxe de 14,3 segundos, impactando co chan a máis de 500 km/h. O anano Ceres, cunha gravidade de 4,8 m/s2

A animación realizouna O’Donoghue coa colaboración do astrónomo Rami Mandow e datos planetarios da NASA. No mesmo fío de Twitter onde explicaba a influencia da gravidade na caída da bóla, o divulgador amosou un dos célebres experimentos sobre gravidade, realizado na superficie da Lúa polo astronauta Dave Scott, no que se amosaba como ao deixar caer unha pluma e un martelo desde a mesma altura ao mesmo tempo, os dous tocaban o solo de forma simultánea, ao non haber unha resistencia significativa do aire.

Ademais da animación coa bóla, O’Donoghue difundiu nos últimos meses outras animacións que acadaron unha grande repercusión, como o das velocidades de escape requiridas para saír de cada planeta ou estrela o a escala de cada un dos corpos do Sistema Solar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.