Co gallo do 50º aniversario da chegada do ser humano á Lúa, sucédense estes días imaxes daqueles pequenos pasos para un home, pero grandes para a Humanidade. Porén, o feito de camiñar nun entorno con tan pouca gravidade tamén provoca imaxes máis propias dun programa de humor ca dun ambicioso plan espacial. Os desequilibrios e as consecuentes caídas son habituais. E a NASA, que non deixa nada ao azar, tamén ten compilado nun vídeo con estas situacións; non só para rir, senón tamén para estudar o comportamento dos astronautas sobre a superficie lunar e, deste xeito, mellorar as futuras misións.
O estudo das caídas e o camiñar pola Lúa
Así, por exemplo, durante a misión do Apolo 15, en 1971, estudáronse as taxas metabólicas dos astronautas mentres percorrían diversos tipos de terreo na Lúa, en subida, en baixada e en zonas chans. E no Apolo 16 avaliáronse as diferenzas entre as destrezas e a mobilidade na Terra e na Lúa, para comprender como a gravidade afecta ao movemento en cada un destes ambientes.
As caídas habituais dos astronautas poden explicarse en que, aínda que o peso dos corpos é menor debido á menor gravidade, a masa é a mesma, polo que a inercia, que é a resistencia dun corpo aos cambios no movemento, depende da masa, e esta permanece igual. Así, un astronauta que se move na superficie da Lúa percibe unhas condicións moi distintas ás da Terra.
Nos seus estudos, a NASA chegou describir con todo detalle estas caídas. Un exemplo do Apolo 15:
“[O comandante David Scott] comeza a moverse cara a unha nova área mentres bota unha ollada á cámara e fai un resumo da descrición desta zona. Dá un paso cara a un grupo de fragmentos de rocha e entón o seu pé dereito métese nunha pequena depresión e empeza a perder o equilibrio. O seu pé esquerdo esvara tamén por unha pequena rocha. Pero mentres intenta equilibrarse cos pés baixo o seu centro de gravidade, Scott aumenta a súa velocidade dianteira. Entón cae cara a adiante e estende as mans para previr o golpe. Cae do lado esquerdo, arrola e entón queda fóra da vista da cámara de TV”.
Os informes do Apolo 16 afondan nestas caídas, estudando en cada caso os seus motivos e como se repuxo delas o astronauta. Hai varios exemplos, como o do piloto Charles Duke, que caeu ao intentar coller unhas pinzas, ou o comandante John Young, ao que lle pasou o mesmo cando estaba recollendo un pincel e unha bolsa con mostraxes.