Bruxismo: a crecente incidencia dun problema que pode ter solución na fisioterapia

O bruxismo é un trastorno involuntario dos músculos implicados na mastigación, arredor da mandíbula, que se xera no cerebro como un estímulo automatizado. Pode ter diversas causas, pero en moitos casos está vinculado a factores psicosociais, como o estrés e a ansiedade. Sobre esta problemática fala o novo vídeo divulgativo do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa), no que se lembra que a fisioterapia tamén contribúe a restaurar o movemento muscular da mandíbula e, consecuentemente, a reducir a dor ocasionada polo bruxismo.

Tal e como se constata no crecente número de consultas desde o comezo da pandemia da Covid-19, a ansiedade provocada polo medo ao coronavirus fai que moitas persoas aperten e renxan os dentes de maneira inconsciente, involuntaria e regular, tanto ao longo do día como durante a noite, o que pode derivar en danos importantes nos dentes, dores musculares na zona da mandíbula, dores frecuentes de cabeza e mesmo mareos, otite e problemas de visión.

A aparición desta patoloxía, advirten desde o colexio, tamén garda relación co fomento do teletraballo, que pode xerar a adopción de malas posturas que terminan por afectar á articulación temporomandibular (ATM) e, polo tanto, ocasionar bruxismo.

A articulación temporomandibular, é dicir os músculos e articulacións da mandíbula, está conectada coa columna cervical e ten funcións tan importantes como mastigar, falar e vocalizar, bocexar ou mesmo manter recta nosa columna vertebral.

Aínda que é aconsellable abordar este tipo de afeccións temporomandibulares de forma multidisciplinar entre odontólogos, médicos, fisioterapeutas e psicólogos, entre outros profesionais sanitarios, a fisioterapia demostrou ser realmente efectiva á hora de eliminar as molestias relacionadas.

Bruxismo e fisioterapia

Segundo explican desde o CoFiGa, despois dunha valoración específica da zona, nos casos de bruxismo o traballo do profesional fisioterapeuta céntrase nun tratamento sintomatolóxico de maneira conservadora, con mobilizacións manuais e exercicios terapéuticos de diverso tipo, como relaxación, rotación, estiramento e posturais, que poden ir acompañados pola aplicación de frío e calor local que, ademais de aliviar a dor, melloran a mobilidade da zona, conseguindo evitar os efectos adversos anteriormente citados. O tratamento de fisioterapia pódese complementar con técnicas de electroterapia, fototerapia e punción seca sobre os puntos clave dos músculos hipertrofiados.

Estes tratamentos van encamiñados a conseguir unha completa función e mobilidade da articulación temporomandibular, normalizar o ton muscular da mandíbula e arredores e mellorar a aliñación corporal, reducindo con iso a dor causada polo trastorno. Deste xeito, o colexio profesional achega neste novo video consello (no marco da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”) unha serie de pautas básicas para aliviar este trastorno involuntario que se xera no cerebro como un estímulo automatizado, do mesmo xeito que camiñar ou respirar:

  1. Vixía onde colocas a lingua cando estás en repouso. Debería estar apoiada no padal superior detrás dos dentes.
  2. Evita que os incisivos superiores e inferiores estean en contacto.
  3. Revisa canto abres a boca. O normal sería que coubesen uns tres dedos entre os incisivos de arriba e os de abaixo.
  4. Un exercicio sinxelo para relaxar esta rexión é manter a presión cos dedos no musculo masetero á vez que abrimos un pouco a boca. Posteriormente quitamos a presión para pechar a boca e repetimos sen xerar dor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.