Así se escoita o primeiro tremor gravado en Marte pola NASA

O vehículo InSight da NASA rexistrou por primeira vez o son dun tremor no planeta vermello. Segundo as primeiras análises dos datos enviados polo robot detectáronse movementos no interior de Marte. Non en tanto, ao non ter actividade tectónica, o sismo produciuse, como xa avanzaran estudos previos neste sentido, debido ás diferenzas térmicas na atmosfera e o interior do planeta e á influencia do vento, aínda que se está estudando o fenómeno polo miúdo para descubrir as causas exactas.

Cabe subliñar que, por primeira vez, o InSight Mars puido reproducir o son xerado polo tremor, un detalle que podería revelar detalles sobre as entrañas de Marte. Desde que chegou ao planeta en novembro de 2018, esta misión traballa de xeito especial para estudiar o seu interior, xa que está equipado cunha ampla gama de instrumentos para medir a temperatura, a rotación e a actividade sísmica do planeta.

Ata o de agora, a maioría dos datos ofrecían un feble ruído de fondo, pero o pasado 6 de abril, o instrumento do Experimento Sísmico para a Estrutura Interior (SEIS, polas súas iniciais en inglés), rexistrou un patrón distinto. “Levabamos meses agardando un sinal coma este”, dixo Philippe Lognonné, director do equipo de SEIS, do Institut de Physique du Globe de Paris (IPGP).

Escoita o vento no planeta Marte grazas á sonda Insight

“É moi emocionante ter finalmente a proba de que Marte segue tendo actividade sísmica. Agardamos poder compartir resultados detallados unha vez que teñamos a oportunidade de analizalos máis polo miúdo”, dixo Lognonné.

As ondas dun tremor que sexa o suficientemente forte poden actuar como unha especie de radar que penetra no solo do planeta. A medida que estas ondas se propagan, poden sufrir modificacións na súa velocidade, e desviarse ou rebotar noutros casos, o que permite aos científicos inferir a composición do interior de Marte. Porén, o evento detectado o 6 de abril foi bastante débil como para achegar máis detalles.

Mais esta detección demostra que podería haber novas oportunidades para estudar os tremores que se rexistran no planeta vermello, tendo en conta que xa se detectaran sinais máis febles, pero que non quedaran rexistradas en forma de son.

Con todo, o primeiro rexistro sonoro da InSight, ademais de ser máis forte, é interesante pola súa semellanza co perfil sísmico dos tremores na Lúa detectados polo sismógrafos das misións Apolo entre 1969 e 1977. Porén, a Lúa tampouco ten actividade tectónica, e os sismos están causados pola contracción do interior do planeta debido ao arrefriamento, que xera tensións na codia exterior. Así, os científicos cren que un fenómeno semellante é o que se está a producir en Marte.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.