Unha investigación desenvolvida polas oenegués Cruelty Free International e Soko Tierschutz está xerando un importante rebumbio en Alemaña debido ás crueles condicións nas que se atoparon a monos, cans e gatos nun laboratorio de Hamburgo. A Fiscalía xa comezou as pesquisas por delitos de maltrato animal, despois de que o xornal Süddeutsche Zeitung destapara a situación hai uns días.
As imaxes, nas que se ven cans e gatos mortos, monos engaiolados e obrigados a xirar sobre unha plataforma, vomitando debido a dureza destas accións, están tomadas por activistas que se infiltraron como traballadores do laboratorio. O Laboratory of Pharmacology and Toxicology (LPT) de Hamburgo é, segundo The Guardian, un dos maiores laboratorios privados de Alemaña, cuns 175 traballadores.
“Infiltramos un dos nosos membros durante catro meses como traballador e gravou as imaxes. Hai gatos aos que se lles sacaba sangue 13 veces ao día. A xente ten dereito a saber o que pasa nestes laboratorios, explica Friedrich Mülln, un dos fundadores de Soko, segundo recolle El País.
Segundo puideron constatar estas persoas, os monos, cans e gatos eran sometidos a probas con substancias tóxicas que lles causaban serios danos. “Aos animais inxectábanlles ou facíanlles comer ou inhalar unha substancia para medir os efectos tóxicos, que ían desde os vómitos, hemorraxias internas, problemas respiratorios e cutáneos, perda de peso, letarxias, fallos orgánicos e mesmo a morte. Non usaban anestéxicos nin analxésicos”, informa Cruelty Free International nun comunicado.