Un vídeo gravado polo Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares (BDRI, polas súas siglas en inglés) en xullo deste ano mergúllanos xunto a unha manda de golfiños en augas de Galicia, concretamente fronte a Corrubedo, en Ribeira. O resultado é un vídeo espectacular destes mamíferos mariños en plena acción na costa galega.
“Este vídeo tomado polo noso equipo investigador amosa un grupo dos golfiños comúns que nadan a gran velocidade en Galicia”, explica o BDRI, que chama a respectar a estes animais: “Se protexemos aos nosos golfiños, por extensión tamén estamos escollendo preservar as augas onde viven e a maioría das especies que conviven con eles. Aquilo que é bo para eles, é bo para nós”.