As persoas que reciben transplantes teñen que afrontar, en moitas ocasións, un longo proceso de rehabilitación e recuperación para garantir que o novo órgano se adapte do mellor xeito posible ao corpo. E nisto, a fisioterapia xoga un papel moi importante. Así o indica, nun novo vídeo o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.
No caso dos transplantes de pulmóns, corazón, fígado e ril, cómpre realizar exercicios e sesións de fisioterapia para garantir unha correcta recuperación. Por exemplo, no caso do pulmón e o corazón, este tratamento pode contribuír a eliminar secrecións e para comezar a aprender, de novo, a ter unha correcta dinámica respiratoria.
As actuacións de fisioterapia van desde mobilizacións suaves ata o exercicio terapéutico, pasando pola masoterapia ou a termoterapia. Estas actuacións deben complementarse coa práctica deportiva. Con todo, nesta actividade hai que evitar a exposición a golpes e contacto físico que poida danar os inxertos. O deporte, no caso das persoas transplantadas, é bo para fortalecer os músculos, previr os efectos negativos dos medicamentos inmunosupresores e para reducir a sensación de dor; e ademais, contribúe a un maior benestar emocional. Recoméndase a práctica, sobre todo, do ciclismo e o golf, e camiñar todos os días.