Dentro da súa serie de vídeos “Consellos para vivir mellor”, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia dedica nesta ocasión a súa atención ás nosas pernas. Xunto á cadeira, as extremidades inferiores representan un 50% da masa muscular do noso corpo, polo que os fisioterapeutas destacan a importancia de mantelas activas e en forma para mellorar a nosa saúde.
Entre os consellos que se achegan, subliñan o exercicio diario, camiñando entre 30 e 60 minutos. Nos casos dos traballos nos que se estea sentado, cómpre facer pequenos paseos e estiramentos cada hora. E do mesmo xeito, é preciso estirar as fibras durante 10 ou 15 minutos cada dous días, aproximadamente.
En épocas de calor, é preciso levar roupa ampla para evitar que a compresión contra o corpo xere problemas de circulación nas pernas. E como conclusión, subliñan que unha alimentación saudable e unha hidratación axeitada contribúen tamén a evitar a retención de líquidos e o sobrepeso.