Nécoras, polbos e corais nos pecios da ría de Vigo

Os fondos mariños galegos son un tesouro que, en moitos casos, aínda están por explorar. Os naufraxios acontecidos desde hai centos de anos en toda a costa foron creando un cemiterio submarino de pecios que podería ser un importante atractivo científico e turístico. E a ría de Vigo, escenario de batallas e numerosos afundimentos, revela de cando en vez novas xoias.

Á procura delas andaba a empresa Ocean Secret, que localizou, mentres probaba o seu sónar de varrido lateral, uns restos na zona de punta Arroás, en Moaña. Ao atopar estes restos, organizouse unha exploración para avaliar o seu posible interese arqueolóxico e, en caso de ser así, poñelo en coñecemento das Administracións. Formouse un equipo no que participaron Ismael e Andrés Blanco, de Ocean Secret, e ao que se sumaron Ignacio Ferreiro, de Buceo Islas Cíes, e os científicos Gonzalo Mucientes, de Ecoloxía Azul, e Manuel E. Garci, de Bioimaxe. Estes dous últimos gravaron as imaxes que se poden ver no vídeo que encabeza a información.

Publicidade

O pasado 7 de marzo baixaron a observaro os pecios, asentados sobre o fango do fondo, a uns 12 metros de profundidade. “Aproveitamos para observar a fauna asociada ao pecio”, explica Manuel E. Garci. Ao explorar o lugar, houbo unha de cal e outra de area. Os restos eran de barcos modernos, con escaso interese arqueolóxico, pero o valor ecolóxico era bastante maior. “Sobre os restos de madeira xerouse unha comunidade faunística bastante densa”, explica Garci. Había nécoras “en abundancia”, engade. E na súa exploración atoparon tamén polbos, peixes porco, corvinas, e corais, como as anémones, adheridos aos pecios.

A posición destes restos “fainos funcionar como un arrecife artificial, provocando un aumento da biomasa e biodiversidade da zona”. E ademais, protexe á fauna da pesca agresiva. “Este tipo de pecios funcionan como artefactos disuasorios para as artes de pesca agresivas co medio mariño, xa que que os aparellos quedan enganchados nel e inutilízaos, polo que estes pescadores apartan deles para evitar a perda dos aparellos”, explica Garci.

Os pecios, unha oportunidade

biodiversidade e a boa conservación que amosa esta zona da ría é, para o científico de Bioimaxe, “un bo exemplo do que podería lograrse cunha boa política de recuperación de fondos, e como zonas de buceo recreativo, tal e como se está facendo en Portimao, no Algarve”.

En Galicia, numerosas empresas de buceo recreativo aproveitan os restos de barcos afundidos para realizar expedicións. Un dos casos máis coñecidos é o do Cason, afundido en 1987 en Fisterra, e que hoxe funciona tamén como un arrecife arredor do cal medran e viven varias especies de fauna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.