A USC pon en valor a Estación Científica do Courel

A Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar un documental audiovisual que afonda nas vertentes de investigación, docencia, divulgación e transferencia de tecnoloxía que conxuga a Estación Científica do Courel (ECC).

O director da ECC, Antonio Rigueiro, presentou este xoves, nas instalacións deste servizo universitario con sede en Seoane do Courel, esta curtametraxe de promoción, elaborada pola Fundación TIC da Deputación Provincial de Lugo ao abeiro dun convenio coa Universidade de Santiago. No acto tamén participaron o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o deputado provincial e padroeiro da Fundación TIC, Álvaro Santos, e a alcaldesa courelá, Dolores Castro.

Publicidade

O vídeo, de case sete minutos de duración, ofrece unha visión integral da Serra do Courel, así como das potencialidades da Estación Científica da USC.

A dispoñibilidade deste novo documento audiovisual centrado na Estación Científica do Courel e, por extensión, referido tamén ás particularidades e á riqueza paisaxística e de biodiversidade que atesoura a serra courelá, responde ás liñas de actuación propostas pola actual dirección da ECC para a difusión social e a potenciación deste servizo da Universidade de Santiago.

O novo documento audiovisual pretende, ademais das propias funcións de difusión e divulgación do devandito centro e dos seus usos, actuar como unha nova fiestra ou escaparate da serra courelá, “un espazo xeográfico da área montañosa do occidente galego que reúne peculiares valores históricos, culturais, xeolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos”, segundo reza a curta, que ofrece cumprida información sobre esta localización xeográfica e sobre as súas características e particularidades.

De xeito parello, o audiovisual ofrece tamén cumprida información respecto dos servizos, instalacións, equipamentos, recursos… que están a disposición das persoas interesadas na sede da ECC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.