O Observatorio Dinámico Solar da NASA (SDO, nas súas siglas en inglés) celebrou en 2015 os seus cinco primeiros anos de vida. Este observatorio recolle imaxes detalladas de todo o astro rei 24 horas ó día. O SDO foi lanzado o 11 de febreiro de 2010 e pode capturar practicamente unha imaxe por segundo, proporcionando ós astrónomos unha visión clara sen precedentes de como crecen e estoupan as enormes explosións solares.
O vídeo publicado pola NASA co gallo deste aniversario amosa o máis destacado dos primeiros cinco anos de capturas de imaxes: as nubes xigantes de material solar lanzado ó espazo, a danza de bucles xigantes flotando na coroa e enormes manchas solares emerxendo e afundíndose na superficie do Sol.
No seu primeiro lustro de actividade, o SDO puido, por exemplo, capturar imaxes en detalle a finais de 2014 das maiores manchas solares vistas desde o ano 1995, así como un torrente de intensas labaradas (explosións de luz, enerxía e raios-X).