Sábado 20 Abril 2024

Cada apicultor gasta mil euros de media en loitar contra a velutina

A aparición da praga da vespa velutina ten consecuencias que van moito máis alá dos ataques ás abellas autóctonas e da mobilización no campo para combater a esta especie. Por primeira vez comezan a darse pasos para analizar as consecuencias económicas deste fenómeno e a Deputación da Coruña fixo un estudo, con datos de 2016, entre preto de 90 explotacións apícolas da provincia para coñecer os custos que supoñen para os apicultores facer fronte á praga, sen contar os danos na produción de mel.

Trampa artesanal para velutinas nunha explotación apícola
Trampa artesanal para velutinas nunha explotación apícola

Os resultados indican que o custe medio por explotación oscila entre os 987 e os 1.221 euros, aínda que hai que ter en conta que o número de colmeas por explotación é moi variable. Hai que sinalar que os datos non reflicten as cantidades realmente invertidas en combater a praga senón a avaliación da perda de tempo e de recursos que supón enfrontarse á mesma.

Publicidade

Ana Isabel García Arias, coordinadora da parte económica do estudo da Deputación sobre a velutina, indica que os apicultores consultados apuntan un investimento do 20% do valor da súa produción anual en  recursos para loitar contra a praga. “Cremos que o estudo pode ser unha boa ferramenta para que os apicultores podan tomar decisións e decidir cales son os medios máis efectivos e rendibles para enfrontarse á velutina”, engade García Arias.

O custo de enfrontarse á praga ronda os mil euros por explotación

A economista da USC explica que o estudo tamén aporta pistas sobre a evolución da praga en Galicia. Por exemplo, en 2016 o 21% dos apicultores entrevistados sinalaron que sufriron perdas de produción superiores ao 50% respecto ao ano anterior. De tódolos xeitos hai que sinalar que non se pode concluír que toda a caída da produción débese á velutina xa que puideron influír outros factores pero semella claro que a extensión da praga foi un dos elementos que motivou esta caída.

Entre os custes que se tiveron en conta para realizar o estudo se inclúen a asistencia a cursos de formación, a retirada de niños, a habilitación de trampas, mallas protectoras,arpas eléctricas e outros artefactos e a alimentación artificial das colmeas. Non se inclúen aquí os custes derivados das perdas de produción nas explotacións.

O estudo permite tamén extraer algunhas conclusións sobre as características do sector apícola coruñés. Trátase en xeral dun sector pouco profesionalizado, en mans de persoas xubiladas ou que exercen o traballo de apicultor a tempo parcial. Hai algunas explotacións grandes pero a media de colmeas por explotación é de 21 aínda que o que máis abunda son as explotacións con dúas colmeas.

O que máis abunda na provincia son as explotación con dúas colmeas

García Arias apunta que podería facerse estudos similares sobre outros sectores como o das explotación de árbores de froita e de viñedo porque está claro que a praga da velutina tamén lles afectou. Outra das cuestión pendentes sería avaliar o impacto que poden ter os diversos medios de combater a praga sobre o entorno natural e sobre a propia vespa asiática.

O que está claro é que o impacto da praga está a ser considerable no campo galego e ten consecuencias económicas importantes, mesmo tamén nas cidades. Hai poucos días o Concello de Santiago apuntaba que o ano pasado as saídas dos Bombeiros para retirar niños no concello pasaron de 366 en 2016 a 1.359 en 2017. Do total de niños retirados 1.311 pertencían a velutinas. O dato da unha idea da intensidade na expansión da praga e dos efectos económicos que implica, neste caso para o erario público.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'