Xabier García é profesor na Universidade de Vigo e graduado en Matemáticas pola USC. Foto: Duvi.
Xabier García é profesor na Universidade de Vigo e graduado en Matemáticas pola USC. Foto: Duvi.

O matemático galego Xabier García, Premio Vicent Caselles

O investigador, graduado pola USC e profesor da UVigo, viu recoñecida a creatividade, a orixinalidade e o logro nos comezos da súa carreira

O matemático galego Xabier García Martínez é un dos seis novos investigadores e investigadoras do campo das matemáticas que acaban de ser distinguidos cos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles. Os galardóns son outorgados pola Real Sociedad Matemática Española e a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar e estimular aos novos profesionais que desenvolven o seu labor no campo da investigación matemática.

“A verdade é que é un orgullo moi grande para min recibir este premio. Estou moi contento. Non o agardaba”, comenta ao Duvi Xabier García, de 28 anos, graduado en Matemáticas pola USC e actualmente é profesor na Universidade de Vigo. O investigador salienta a súa satisfacción porque “se teña en conta o traballo que levo feito ata o de agora no eido da álxebra”. O premio, engade García, “supón un aliciente para seguir medrando. Espero que sexa o principio dunha carreira interesante”, indica o investigador, que apunta como “este tipo de incentivos externos que nos motiven e nos axuden a investigar, que é unha parte moi importante da vida universitaria, están moi ben”.

Os premios Vicent Caselles, que xurdiron en 2015, recoñecen a creatividade, a orixinalidade e o logro nas matemáticas das e dos galardoados durante os primeiros anos da profesión científica e tamén queren distinguir a investigadores e investigadoras cuxo traballo de doutoramento sexa “pioneiro e influente” na investigación internacional, para servir de estímulo ás e aos profesionais que desenvolven o seu labor na investigación matemática e favorecer a súa continuación.

Na concesión dos galardóns destácase de Xabier García que “ten realizado achegas relevantes no estudo de diversas estruturas alxébricas e as súas propiedades categóricas e homolóxicas, especialmente a caracterización da variedade de álxebras de Lie usando unha propiedade puramente categórica. Tamén utilizou técnicas de álxebra computacional na clasificación das variedades homoxéneas conforme-Einstein en dimensión 4”.

Do galardón, Xabier García tamén recalca a importancia destes premios na súa área concreta de coñecemento, pois, lembra, “moitas veces déixase de lado neste tipo de iniciativas ás matemáticas, porque a súa utilidade non é tan visible como outras áreas da ciencia, pero as matemáticas son moi importantes e non se poden deixar atrás”.

A traxectoria de Xabier García

García Martínez é graduado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2017 cunha tese sobre métodos categórico-alxébricos dirixida por Manuel Ladra, catedrático da USC, e Tim Van der Linden, da Université Catholique de Louvain. Desde setembro do pasado ano é profesor axudante doutor no Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo, impartindo clases na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, ademais de na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. O seu curriculum tamén inclúe ter realizado estadías de investigación en universidades de Bélxica, Sudáfrica e China, recalcando a súa paixón “por investigar, por viaxar e por conversar con matemáticos de todo o mundo”.

O xurado dos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles é nomeado pola Fundación BBVA e a Real Sociedad Matemática Española, estando nesta edición composto por José Bonet, editor xeral da Real Sociedad Matemática Española e catedrático do Departamento de Matemáticas Aplicadas da Universidad Politécnica de Valencia; Joan Elías García, reitor da Universitat de Barcelona; Elena Fernández, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidad de Cádiz; Eugenio Hernández, catedrático de Análise Matemática na Universidad Autónoma de Madrid; Henar Herrero, catedrática de Matemática Aplicada da Universidad de Castilla La Mancha; e Manuel de León, profesor de Investigación do Instituto de Ciencias Matemáticas do CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.