Traballo nunha das instalacións da Facultade de Veterinaria de Lugo. Imaxe: USC.

Traballo nunha das instalacións da Facultade de Veterinaria de Lugo. Imaxe: USC.

A Facultade de Veterinaria da USC, entre as 100 mellores do mundo

O coñecido como ránking de Shangai, que avalía a capacidade investigadora das institucións académicas, recoñece 17 áreas de traballo da USC

 

A edición de 2018 do Academic Ranking of World Universities (tamén coñecido como ránking de Shangai), que avalía a capacidade investigadora das institucións académicas de todo o mundo, sitúa á USC entre as 500 universidades máis destacadas do planeta en 17 áreas temáticas. Destaca, sobre todo, a Facultade de Veterinaria, eido no que a institución compostelá sitúase no intervalo 76-100 e, por tanto, entre as 100 mellores do mundo. A USC é a única universidade galega que aparece entre as 500 máis destacadas, que son as que inclúe o ránking de Shangai.

Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos, Odontoloxía e Farmacia sitúanse entre as 200 mellores do mundo

Porén, Veterinaria non é a única disciplina na que sobresae a USC. Así, en Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos, sitúase no espazo 101-150. No referente a Ciencias Naturais, destácase o labor das áreas de Matemáticas, Física e Química, recollidas no intervalo 201-300, mentres que en Enxeñaría figuran referenciadas Ciencias dos Instrumentos e Tecnoloxía, Ciencias da Enerxía, Ciencias Ambientais e Biotecnoloxía, as catro na posición 201-300. Nesta mesma área, Enxeñaría Química ascende ao intervalo 301-400 das mellores universidades do mundo.

En Ciencias da Vida, a USC, ademais de Veterinaria, destaca pola súa produción científica en Ciencias da Agricultura (201-300), Ciencias Biolóxicas (301-400) e Ciencias Biolóxicas Humanas (401-500). E en Ciencias Médicas, Odontoloxía e Ciencias Orais e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas alcanzan o intervalo 151-200, mentres que o de Medicina Clínica figura no 401-500. Completando a clasificación, ARWU destaca a produción da USC en Económicas (301-400), dentro da área de Ciencias Sociais.

O ránking de Shangai

A clasificación de materias do ránking de Shangai ten en conta aquelas universidades cun número mínimo de publicacións científicas rexistradas durante os anos 2012 e 2016, en función de cada área de coñecemento. Os datos bibliométricos para a elaboración do ránking proceden de Web of Science e InCites. Nesta edición de 2018, a listaxe incorpora datos de universidades en función dun total de 54 materias.

Os indicadores foron o número de artigos publicados entre 2012 e 2016; o índice de impacto normalizado para o mesmo período; o número de publicacións realizadas en formato de colaboración internacional; os artigos en publicacións de alto impacto; e o número de docentes ou persoal investigador premiados no seu ámbito científico dende 1981.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.