Martes 23 Abril 2024

A UVigo, decidida a aumentar o número de mozas enxeñeiras

A fenda de xénero que existe nas carreiras técnicas e que non fai senón agrandarse nos últimos anos, afecta por igual a todas as titulacións do ámbito da enxeñaría que se imparten nos tres campus da Universidade de Vigo. Co obxectivo de reverter unhas cifras que sitúan a presenza de futuras enxeñeiras nos sete centros nos que se imparten titulacións de enxeñaría nun 19,7% e unificar as accións que as escolas están a realizar illadamente para captar alumnas, a Universidade de Vigo pon en marcha IREI, Inspirando ás Rapazas para Estudar Enxeñería. A iniciativa, que segue os pasos de Inspira Steam, implantada hai dous anos na Universidad de Deusto, foi presentada este luns nunha xornada de traballo, na que tomaron parte representantes dos ámbitos académico, empresarial e social dos que se prevé sairán as mulleres tecnólogas que, unha vez formadas, achegarán as súas experiencias ao alumnado galego co obxectivo de fomentar a incorporación feminina ás titulacións técnicas.

A iniciativa segue os pasos de Inspira Steam, que se implantou hai dous anos en Deusto

A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, foi a encargada de presentar esta iniciativa nun acto que tivo lugar en dependencias de Zona Franca en Bouzas e no que Oihane Zarate presentou a iniciativa Inspira Steam e as súas estratexias de mentorización. “Se no curso 2004/2005, as mulleres matriculadas en Galicia en carreiras de enxeñarías ou relacionadas coa arquitectura supoñían un 36,4% do total, en 2015/2016 no chegaba nin a un cuarto do total, cun 24,5%, segundo os datos do informe La universidad en cifras de la Conferencia de Rectores españoles (CRUE). A evolución amosa unha caída lenta aínda que constante”, lamentou a vicerreitora, ao referirse a unha tendencia, que non é un fenómeno exclusivo de Galicia, senón que é igualmente acusada na maioría de países da contorna.

Publicidade

Na presentación de IREI, a vicerreitora de Estudantes estivo acompañada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, a secretaria xeral de Igualdade, a delegada do Estado na Zona Franca e a comisionada do Vigo Tecnolóxico da Universidade de Vigo, que coincidiron en sinalar a gravidade dun problema que precisa de solucións que se traduzan nun incremento da presenza feminina nos estudos e nas profesións relacionadas coas enxeñarías.

Neste sentido, Carmela Silva denunciou que se “empuxe ás nenas desde que nacen para que non escollan carreiras tecnolóxicas” ao tempo que incidiu na necesidade de dar visibilidade aos logros das mulleres neste ámbito e animou a “cambiar o presente para que as mulleres cheguen a todo o coñecemento”. Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, felicitou á Universidade de Vigo pola posta en marcha desta iniciativa e lamentou que presenza de mulleres en carreiras “con futuro inmediato de éxito non supere o 20%”. A delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, advertiu da necesidade de incrementar a formación e incorporación de mulleres ás profesións relacionadas co ámbito dixital e amosou a disposición do consorcio a “acadar as mentoras necesarias para poñer esta iniciativa en marcha” entre as 620 empresas e máis de 22.000 traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade arredor da Zona Franca. Mentres, a comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo, asegurou que “temos un problema grave” e animou ás mulleres tecnólogas a visibilizarse para facerlle ver a nenas de 9, 10 e 11 anos “que é bonito axudar á que a sociedade funcione mellor e a resolver problemas”, asegurou.

Infraestimar as súas capacidades e a ansiedade ante determinadas materias, ademais de estereotipos de xénero, son segundo sinalou Dolores González, as razóns esgrimidas polas expertas e expertos á hora de explicar por que as rapazas non optan polas titulacións técnicas. Neste sentido, a vicerreitora de Estudantes achegou datos de informes como PISA para a continuación preguntarse que fixeron as institucións ante esta situación. Tras lembrar algunhas das iniciativas postas en marcha pola administración autonómica, González sinalou que “non obstante non parece que as autoridades abordasen con suficiente atención os puntos que parecen cruciais para modificar a situación. Pensamos, polo tanto, que hai que deseñar actuacións integrais orientadas cara á superación destes obstáculos”, explicou a vicerreitora.

Xornada de traballo na UVigo. Foto: Duvi.
Xornada de traballo na UVigo. Foto: Duvi.

Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas foi o encargado de facer a análise de situación da Universidade de Vigo, que no curso 1991/1992 rexistraba un 23,6% de alumnas de novo ingreso nas carreiras de enxeñaría, mentres que no curso 2017/2018 esta cifra baixara a un 19,7%. En canto ao número de enxeñeiras nos catro últimos cursos, Cuiñas situouno nun 22,9% do total de 992 persoas tituladas, asegurando que “non parece que as rapazas teñan peores resultados que os rapaces. En realidade, as porcentaxes son similares e máis, cantos máis anos se analizan”, asegurou. O director da EE de Telecomunicación lamentou que se estea a perder unha parte importante de talento de cada xeración que chega ás escolas de enxeñaría e avogou por unha estratexia común de todos os centros e non por accións individuais “custosas e pouco eficientes” para captar alumnas cara ás disciplinas técnicas.

Inspira Steam, creando vocacións de enxeñeiras

Mulleres enxeñeiras traballando durante seis sesións con estudantes de 6º de Primaria e 1º de Bacharelato sobre os motivos dunha menor presenza feminina nas titulacións de enxeñaría, como o descoñecemento das profesións STEM ou os estereotipos. Así se desenvolve desde o ano 2016 Inspira Steam, unha iniciativa da Universidad de Deusto, que tamén incide da visibilización das mulleres tecnólogas, “ante a falta de referentes e mulleres reais, de xeito que as estudantes poidan dicir: esta é unha muller que teño aquí cerca, é unha muller normal e non unha Marie Curie á que non vou chegar e así poñer en valor todo o traballo que fan”, explica Oihane Zarate. O proxecto que se iniciou como piloto hai dous anos na provincia de Biscaia, xa estaba estendida en 2017 ás tres provincias de Euskadi e actualmente estase a traballar en Cataluña e Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Elena Vázquez Cendón: “A fórmula buscada é a igualdade, a solución correcta é o equilibrio”

A premio María Josefa Wonenburguer 2022 abre as xornadas A Foto 51 de Pontevedra, ciencia e reflexión ao abeiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia

A Deputación da Coruña crea unha táboa periódica para concienciar en igualdade

A campaña pon o foco no desexo mutuo e no consentimento, interpelando directamente ao posible agresor e nunhas festas libres de medo

Volve o túnel de Xibraltar que soñou Comerma

O enxeñeiro establecido en Ferrol deseñou unha vía submarina de 19 quilómetros para comunicar Europa e África

Enxeñería solidaria para rachar coa fenda dixital: “Ter acceso á rede é unha necesidade básica”

Estudantes da Escola de Enxeñería da UVigo recompoñen equipos informáticos vellos para facelos funcionais e doalos a persoas que os precisan