Francisco Ayala, nunha imaxe de 2011.

Francisco Ayala, nunha imaxe de 2011.

A UVigo tomará “as medidas oportunas” sobre o título ‘honoris causa’ de Ayala

O equipo de Goberno da Universidade remarca a súa "política de tolerancia cero co acoso" despois da destitución do recoñecido científico

“O equipo de Goberno da Universidade de Vigo, en defensa da súa política de tolerancia cero co acoso, procederá a estudar os feitos, comezando por contactar coa Universidade de California en Irvine para esclarecer o sucedido. Unha vez coñecidos os detalles das denuncias, procederase a adoptar as medidas oportunas“. Esta é a resposta da Universidade de Vigo, tras ser consultada por GCiencia sobre as posibles medidas a adoptar despois de coñecerse que o prestixioso científico español Francisco José Ayala fose destituído pola universidade de California Irving, onde exercía desde 1989, despois de ser denunciado por acoso sexual por catro investigadoras da Facultade de Bioloxía.

Despois de coñecerse a destitución dos seus cargos, o propio Ayala fixo público este venres un comunicado recollido pola Axencia Efe no que lamentaba que “os seus modos de cabaleiro” provocaran esta situación. “Lamento profundamente que o sempre crin como bos modos dun cabaleiro europeo – saudar ás compañeiras mulleres cun bico nas dúas meixelas ou facer cumpridos sobre a súa beleza – fixeran sentirse incómodas a colegas ás que respecto”.

Ayala lamentou que os seus “modos de cabaleiro” causaran a denuncia das catro investigadoras

Nunca foi a miña intención facelo“, engadiu o científico, que sinalou que non desexa colocar a estas mulleres, á súa familia e á universidade en medio dun “longo proceso de investigación adicional, audiencias, apelacións e demandas. Teño moito respecto por eles e moito traballo por facer. Continuarei coas miñas investigacións con renovado vigor e agradezo o apoio dos compañeiros de todo o mundo”.

Tamén se pronunciou sobre a situación Camilo José Cela Conde, fillo do escritor galego, catedrático da universidade das Illes Balears (UIB) e coautor de varios libros xunto a Ayala. Cela Conde criticou a “falta de imparcialidade” que, segundo el, tivo a investigación da universidade, algo que é “altamente evidente”, na súa opinión. “Ata onde eu sei, o profesor Ayala foi culpado por facer comentarios educados sobre a aparencia destas compañeiras, por bicalas en entornos sociais cun bico nas meixelas, algo habitual en moitos países europeos como España” e por, segundo conta nun artigo publicado en Diario de Mallorca, “tocar o cóbado a unha profesora durante unha reunión de departamento para conducila cara a un grupo de persoas que estaban tratando un asunto do seu posible interese”.

As medidas da UIB

Precisamente a UIB, que investiu ao científico como doutor ‘honoris causa’ en 2006, xa se manifestou respecto ao caso. O reitor, Llorenç Huguet, anunciou que propoñerá a retirada do título a Ayala no próximo consello de Goberno se se confirman as acusacións contra el.

Francisco J. Ayala foi investido doutor ‘honoris causa’ pola UVigo o 19 de xuño de 1996. Foi a sexta persoa en recibir este recoñecemento da institución viguesa, despois de Francisco Fernández del Riego, Xavier Karcher, Eugenio Coseriu, Gregorio Peces-Barba e Xosé Filgueira Valverde. É un dos científicos españois máis recoñecidos do mundo, e destaca polos seus estudos sobre a evolución humana.

Recibiu, entre outros galardóns, a Medalla Nacional de Ciencia do Goberno Americano en 2001 ou a Medalla de Ouro Honorífica Gregor Mendel. Ademais, é membro destacado das principais academias de ciencias do mundo, como é o caso da americana, da rusa, da italiana, da española ou da mexicana. Foi asesor de Bill Clinton e presidente da Asociación Americana para o Avance da Ciencia, editora da revista Science.

 

Unha resposta a “A UVigo tomará “as medidas oportunas” sobre o título ‘honoris causa’ de Ayala”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.