Xoves 25 Abril 2024

A UVigo saca os laboratorios á rúa coa feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

O edificio Redeiras tamén abrirá as súas portas ao público con diferentes actividades

A Universidade de Vigo (UVigo) volve sacar os laboratorios á rúa coa celebración dunha nova feira científica. Será o vindeiro venres 18 de marzo nunha carpa con 12 postos situada na praza do Berbés baixo o lema A ciencia que vén ten nome de muller, un evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador, especialmente das mulleres, e como os seus estudos favorecen o avance da sociedade.

Aberta ao público infantil, xuvenil e familiar en xeral, a feira abrirá as súas instalacións ás 17.00 horas. Dos 12 postos informativos que poderán visitarse, 9 correspóndense a proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da UVigo e a eles sumarase un posto da Unidade de Igualdade, con diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia, e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. A maiores, estará tamén aberto ao público o edificio Redeiras, onde se reproducirán vídeos sobre algúns dos grupos de investigación da Universidade de Vigo, poderase participar en xogos de realidade virtual e visitar a exposición En galego! da Área de Normalización Lingüística.

Publicidade

A ciencia que vén ten nome de muller, un evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador

Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)-Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira terá xa pola mañá unha visita de escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis, 84 alumnas e alumnos, que serán os primeiros en poder divertirse e aprender con todas as actividades organizadas para eles.

12 postos cos que aprender xogando e espertar vocacións

Detectives de imaxes, A chispa da neurocienica, Griles e Grettel… Son só algún dos nomes dos obradoiros que se están a organizar para que o público, especialmente o infantil e xuvenil, poida achegarse aos laboratorios universitarios dun xeito lúdico e divertido. Haberá postos sobre tecnoloxía, sobre medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tamén economía. Desde un obradoiro no que aprender a detectar manipulacións en fotografías, ata outro no que visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas (mariño, de auga doce e terrestre); dun taller de extracción de ADN de plátano ata outro no que se montará unha maqueta dun circuíto eléctrico cunha pila de petaca para simular como flúe a corrente a través dunha neurona.

Haberá postos sobre tecnoloxía, sobre medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tamén economía

No caso do posto sobre patrimonio as visitantes e visitantes atoparán actividades relativas á pintura rupestre prehistórica e poderán experimentar o traballo con pigmentos e practicar con algunhas metodoloxías para a súa identificación, estudo e conservación e, no de Griles e Grettel, as diferentes actividades xirarán en torno á lingua (xogos lingüísticos, subtitulado, prexuízos…).

Todas estas actividades están organizadas polos grupos de investigación de Procesado de Sinal e Comunicacións, GPSC; Xestión Sostible e Segura dos Recursos Mineiros; Bioloxía Ambiental; Oceanografía Biolóxica; Neurofisioloxía e neurocircuítos; Xenómica e Biomedicina; Lingua Española e Linguas Signadas, Griles; Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, e a agrupación estratéxica Ecobas, centrada no ámbito da economía.

Sete meses de eventos e actividades

Esta feira-exposición está organizada ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, un gran paraugas baixo o que xa se levaron a cabo actividades como a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, diferentes iniciativas organizadas co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia… Son algúns exemplos do que xa se fixo, pero a programación continuará ata o vindeiro mes de xuño. Por diante quedan múltiples eventos, entre eles, algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.


Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos