Sábado 20 Abril 2024

A UVigo buscará solucións para a perda da biodiversidade mariña e costeira

Investigadores do grupo Future Oceans Lab participan nun proxecto europeo que actualizará as ferramentas e coñecementos para facer fronte a este problema

A Universidade de Vigo (UVigo) participa nun megaproxecto europeo co que se tentará avanzar no coñecemento e predición dos impactos do cambio climático nos sistemas mariños. Faino a través do grupo Future Oceans Lab, do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, baixo a dirección da profesora Elena Ojea, quen explica que se trata dun “proxecto punteiro e moi ambicioso” cuxo principal obxectivo é “proporcionar aos reguladores e aos tomadores de decisións o coñecemento e as ferramentas necesarias para facer fronte á perda de biodiversidade nos hábitats costeiros e mariños ameazados polo cambio climático e outros factores de estrés locais e rexionais”.

Coordinado desde os Países Baixos polo profesor Myron Peck, do Royal Netherlands Institute for Sea Research, participan 34 institucións de 17 países e cóntase cun orzamento superior aos 10 millóns de euros, dos que 380.000 lle corresponden á UVigo, única institución de ensino superior española que participa neste proxecto. Cunha duración de catro anos, a reunión de lanzamento deste proxecto celebrarase o vindeiro mes de maio na illa de Texel, Países Baixos. Será entón cando se comecen a definir a metodoloxía e as estratexias para abordar as diferentes tarefas de cada un dos grupos de traballo.

Publicidade

Actualizar o coñecemento

Baixo a denominación ActNOW (Advancing understanding of Cumulative Impacts on European marine biodiversity, ecosystem functions and services for human wellbeing) este proxecto vai permitir coñecer como os diferentes factores de estrés ambiental e humano impactan na biodiversidade, o que, a xuízo dos integrantes do Future Oceans Lab, permitirá deseñar solucións de adaptación que sexan factibles e baseadas na ciencia para facer fronte á perda de biodiversidade.

“Tradicionalmente, a análise de riscos acumulados de diferentes factores ten sido relegada en ciencia pola súa complexidade pero ActNOW quere suplir esta carencia facendo un esforzo colectivo”, explican os investigadores vigueses implicados no proxecto. O principal punto forte deste consorcio será, precisamente, que dará aos tomadores de decisións e autoridades un coñecemento actualizado e ferramentas para predicir o impacto de múltiple factores sobre a biodiversidade costeira e mariña, “e sobre os servizos ecosistémicos para unha mellor xestión e avaliación do impacto que lles permitan ser máis resilientes aos rápidos cambios climáticos e medioambientais”.

Participación viguesa no proxecto

Julia Ameneiro, Elena Ojea e Juan Bueno, os tres investigadores vigueses implicados. Crédito: UVigo

A participación viguesa no proxecto xorde da colaboración e participación previa noutros proxectos e actividades científicas como o proxecto FutureMARES, onde os investigadores Juan Bueno e Elena Ojea lideran un paquete de traballo, así como da participación de Ojea no último informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, IPCC.

O labor do equipo investigador do Future Oceans Lab do CIM-UVigo centrarase nos grupos de traballo 4 e 5, dirixidos a analizar os riscos acumulados na biodiversidade e a formular solucións para a toma de decisións baseadas no coñecemento actual e escenarios futuros. Juan Bueno liderará e coordinará as tarefas relacionadas co deseño dun marco para a avaliación do risco da biodiversidade ante diferentes ameazas, que moitas veces actúan de xeito simultáneo e interactivo, por exemplo o quecemento global e a sobrepesca.

A tarefa liderada por Elena Ojea no grupo de traballo 5 fará unha síntese das opcións de resposta que teñen os xestores agora e no futuro para recuperar a perda de biodiversidade, tendo en conta escenarios políticos e ambientais. Contarán ademais co apoio de Julia Ameneiro, quen contribuirá nas tarefas e actividades do grupo de traballo 6 de divulgación e comunicación dos resultados do proxecto, e nas diferentes actuacións levadas a cabo no marco deste proxecto.

Cara a onde poden dirixirse as opcións de resposta?

Desde o punto de vista destes investigadores as opcións de resposta que, a día de hoxe, teñen os xestores para tentar recuperar a biodiversidade —ou, cando menos, mantela— pasan por medidas de xestión baseadas na natureza (nature-based solutions). “Este tipo de medidas tentan imitar o funcionamento da natureza a partir de accións humanas, é dicir, son actuacións que os humanos poden facer para devolver a natureza a un estado san onde a biodiversidade recupere os valores previos ao impacto da actividade humana”, explica Juan Bueno.

“Este tipo de medidas tentan imitar o funcionamento da natureza a partir de accións humanas”

JUAN BUENO, investigador participante no proxecto

Estas medidas poden ir, segundo vai detallando, desde unha simple delimitación dun espazo natural protexido ata unha restauración ou repoboación de especies importantes para o funcionamento do sistema, pasando tamén pola aplicación de regras de extracción con fundamento científico, “no caso da pesca, por exemplo”.

Este tipo de solucións, ademais, adoitan ter en conta, segundo recalcan os integrantes do Future Oceans Lab, coñecementos locais e tradicionais dos grupos sociais asociados aos ecosistemas en mellora, de maneira que conlevan unha compoñente social de alto interese. “Por suposto pode haber outro tipo de medidas baseadas na tecnoloxía ou na conservación ex-situ que poden ser moi eficaces, e en situacións concretas tamén precisas, pero con custos normalmente maiores”, engade Bueno.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático