A USC volve estar na lista das cen universidades máis innovadoras de Europa por segundo ano consecutivo, segundo a análise realizada por Reuters. A universidade galega é a quinta das 10 españolas incluídas nesta listaxe que “identifica e clasifica as institucións educativas que máis fan para avanzar na ciencia, inventar novas tecnoloxías e axudar a impulsar a economía global”, explican Reuters.
Para compilar o ránking das universidades máis innovadoras de Europa, identificáronse arredor de 600 organizacións globais que publicaron a maioría dos seus artigos en revistas académicas, incluíndo institucións educativas, organizacións benéficas sen ánimo de lucro e institucións financiadas polo goberno.
Do listado inicial, seleccionáronse aquelas institucións que tivesen presentado, como mínimo, 50 patentes ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual no período 2010-2015. Logo, de cada universidade tivéronse en conta un total de 10 indicadores, nos que se presta especial atención a documentos académicos e solicitudes de patentes (que apuntan á capacidade dunha institución para aplicar a investigación e comercializar os seus descubrimentos).
As universidades españolas que aparecen na listaxe son: Barcelona (63ª), Autónoma de Barcelona (81ª), Valencia (82ª), Politécnica de Cataluña (84ª), USC (92ª), Sevilla (93ª), Politécnica de Madrid (96ª), Complutense (97ª), Granada (99ª) e Autónoma de Madrid (100ª).