Visita de Javier Losada, delegado do Goberno, ao CiQUS de Santiago, acompañado de representantes do centro e a USC. Foto: Santi Alvite.
Visita de Javier Losada, delegado do Goberno, ao CiQUS de Santiago, acompañado de representantes do centro e a USC. Foto: Santi Alvite.

A Universidade de Santiago capta oito millóns do Plan Estatal de I+D

Os grupos da institución compostelá acadaron, con 67 proxectos, o 44% do financiamento concedido a equipos de investigación en Galicia

A Universidade de Santiago de Compostela acadou, con 67 proxectos, un total de 8,3 millóns de euros da Axencia Estatal de Investigación no marco dos programas estatais de ‘Xeración do Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico de I+D+i’ e de ‘I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade’ no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2017-2020. O montante supón o 44% das axudas concedidas en Galicia durante o ano 2020 por esta iniciativa. Deles, 1,7 millóns de euros foron outorgados a proxectos de investigación que se desenvolvesen no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, o que representa aproximadamente o 20% do financiamento captado pola Universidade, e converte ao CiQUS nun dos puntais do desenvolvemento científico no noroeste da Península Ibérica.

Deste xeito, os equipos de investigación vinculados á USC, segundo apunta a institución, consolidan a súa posición como referente no ámbito da investigación e o desenvolvemento e a súa transferencia á sociedade. Así o destacou este martes o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na súa visita ás instalacións do CiQUS, para realizar un balance das axudas estatais concedidas á investigación na comunidade autónoma durante o pasado ano. Neste percorrido, Losada e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, estiveron acompañados polo reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas; e a directora adxunta deste centro singular da USC, Dolores Pérez Meirás.

O reitor subliñou que unha visita destas características “permite poñer o foco na investigación que se desenvolve na USC”. As universidades, sinalou Antonio López, son institucións docentes pero tamén de investigación e de transferencia, “pezas fundamentais na mellora da calidade de vida das persoas”. Alén disto, o reitor destacou o valor específico da USC como a institución promotora do 50% da investigación realizada no conxunto do Sistema Universitario de Galicia. A investigación universitaria, apuntou o reitor, permite achegar “solucións esenciais” e é “unha peza chave de progreso”, moito máis nun intre como o actual.

Impulso do CiQUS

11 dos 67 proxectos que desenvolverá a USC terán lugar integramente no CiQUS durante os próximos tres anos. As iniciativas abranguen dende o ámbito da biomedicina e da saúde, ao do desenvolvemento de tecnoloxías transformadoras e sostibles ou o descubrimento de novos materiais moleculares funcionais. Seis destes proxectos levan ademais, cada un, asociada unha axuda para contrato predoutoral para a formación de doutores 2020.

O director científico do centro, José Luis Mascareñas, resaltou o potencial humano e técnico do CiQUS, que conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego, e que en case unha década de existencia conseguiu converterse na institución con maior número de investigacións ERC en Galicia chegando ata nove na actualidade, alén de formar parte de oito proxectos internacionais colaborativos. “A captación de novos fondos procedentes de convocatorias internacionais, nacionais e autonómicas, que vai en aumento cada ano, permítenos consolidar a nosa aposta por promover o avance da ciencia na fronteira do coñecemento, formar novos científicos, e contribuír ao progreso económico da contorna “, afirmou Mascareñas. O catedrático da USC resaltou tamén que “nun momento transcendental como o actual debemos visibilizar máis que nunca o papel da ciencia e o labor e esforzo dos investigadores”. O CiQUS constitúe un equipo integrado por máis de 180 persoas, organizadas en 19 grupos de investigación.

A nivel autonómico, as axudas do Plan Estatal de I+D permitirán desenvolver ata 146 proxectos en Galicia por un importe global de ao redor dos 17,4 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.