A vicerreitora Victoria Otero e o reitor Antonio López, na presentación dos novos mestrados. Foto: USC.

A vicerreitora Victoria Otero e o reitor Antonio López, na presentación dos novos mestrados. Foto: USC.

A USC oferta 10 novos mestrados para o vindeiro curso

O prazo de matrícula remata o 20 de xullo; hai novas titulacións en eidos como a sustentabilidade, a xenética, enxeñaría ou computación

O reitor da USC, Antonio López, e a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, presentaron este amrtes en rolda de prensa a nova oferta de mestrados da universidade compostelá, que se amplía para o curso 2018-2019 a 63 títulos en Santiago e Lugo, e en modalidade presencial ou virtual.

Como novidade, a USC ofertará 10 novos mestrados: Biodiversidade terrestre e xestión do medio natural; Enerxías renovables; Cambio climático e desenvolvemento sustentable; Investigación e innovación en didácticas específicas para Educación Infantil e Primaria; Operacións e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados (Lugo); Xeoinformática; Erasmus Mundus-Encrucilladas nas narrativas culturais; Xenómica e Xenética (en modalidade presencial en Lugo ou semipresencial); Computación de Altas Prestacións (presencial ou a distancia) e os de Optometría e Economía na modalidade semipresencial.

Ademais, hai varios títulos que se poden cursar tanto en Santiago como en Lugo; é o caso dos mestrados en Dirección de Empresas, en Avogacía e en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas de Idiomas. Con respecto aos necesarios para a exercer a profesión, na USC impártense tres títulos habilitantes –Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes e Profesorado, os tres en Lugo e o último tamén en Santiago– e o de Avogacía, non obrigatorio pero si vinculado ao exercicio da profesión.

Do total da oferta, son 27 os mestrados cuxa organización é interuniversitaria, dos que 15 coordina a USC. Ademais, a institución compostelá ofrece dous exclusivos: o de Optometría en modalidade semipresencial e o de Enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable.

O prazo para solicitar praza nalgún dos mestrados tanto por criterios xerais ou específicos -que contempla outros aspectos ademais do expediente- así como para o de Formación de Profesorado rematará este 20 de xullo. No caso de haber máis demanda ca prazas ofertadas, publicaranse a lista de admitidos e a lista de agarda o día 27; e a matrícula deberá formalizarse entre o 30 de xullo e o 1 de agosto. 

No caso dos mestrados con sistema de matrícula directa, o prazo está xa aberto e estenderase ata o 14 de setembro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.