Xoves 28 Marzo 2024

A USC aproba un código de boas prácticas en investigación

A USC aprobou o Código de Boas Prácticas en Investigación (CBPI) co obxectivo principal de axudar a entender o que significa a responsabilidade no exercicio da investigación e igualmente servir á comunidade científica co fin de definir un marco xeral de auto-regulación. As boas prácticas na investigación baséanse nun “conxunto de principios fundamentais de integridade na investigación que permiten guiar ao persoal investigador non só no seu traballo senón tamén no seu compromiso cos retos metodolóxicos, éticos e intelectuais inherentes á práctica da investigación”, detalla o documento aprobado este venres polo Consello de Goberno da USC.

As boas prácticas afectan ao procedemento e aos resultados da investigación, e inclúen aspectos relacionados coa súa planificación, desenvolvemento e seguimento, co rexistro dos resultados obtidos e a súa publicación e difusión e co posible uso do coñecemento xerado pola sociedade. O CBPI identifica tamén responsabilidades profesionais, legais e éticas, e recoñece o papel e relevancia da universidade como institución na que se organiza e desenvolve a investigación. Neste senso, recolle “pautas, principios e recomendacións aplicables a calquera tipo de investigación que se desenvolva en calquera disciplina científica na universidade”.

Publicidade

A USC asumiu a obriga de desenvolver este Código no marco da Estratexia de Recursos Humanos de Investigación (HRS4R polas súas siglas en inglés) e que, no caso da USC foi recoñecida pola Unión Europea a través de EURAXESS-Research in Motion coa acreditación ‘HR Excellence in Research’ en febreiro do ano 2017 confirmando o compromiso para xerar e manter unha contorna estimulante e motivadora para o desenvolvemento da investigación na USC.

O Código foi elaborado pola secretaría técnica de seguimento da HRS4R e revisado polo Comité de Bioética da USC, seguindo as indicacións recollidas no documento Recomendaciones del Comité de Bioética de España con relación al impulso e implantación de buenas prácticas científicas en España e tendo en conta os principios da Declaración de Singapur sobre a Integridade na Investigación, da Carta Europea do Persoal Investigador e do Código de Conduta Europeo para a Integridade na Investigación, así como os códigos de boas prácticas científicas doutras entidades e institucións públicas e a lexislación e normativas aplicables.

Cátedras
O Consello de Goberno deste venres aprobou tamén a asignación de áreas de coñecemento ás prazas de cátedra pola quenda de promoción interna correspondente a Oferta de Emprego Pública (OEP) de 2018, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) de PDI derivada deste proceso e as comisións encargadas dos procesos de selección. Así, asignáronse quince prazas de cátedra ás áreas de Fisioloxía, Química Física, Dereito Administrativo, Historia da Arte, Botánica, Edafoloxía e Química Agrícola, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Xornalismo, Química Analítica, Química Orgánica, Filoloxías Galega e Portuguesa, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Dereito do Traballo e da Seguridade Social e Medicina.

Oficinas de asistencia
A Lei 39/2015 recolle a conversión das actuais oficinas de rexistro en oficinas de asistencia, o que permitirá ás persoas interesadas presentar as súas solicitudes en papel que acabarán convertidas a formato electrónico. Neste senso, o Consello aprobou o regulamento de Oficinas de Asistencia da USC, no que se recolle este proceso de transformación en cumprimento das obrigas impostas legalmente.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro terán a consideración de unidade administrativa dentro da estrutura orgánica da USC e dependerán da Secretaría Xeral universitaria. En virtude do novo regulamento, constitúense como oficinas nas que se prestará asistencia en materia de rexistro os actuais rexistros xerais do Colexio de San Xerome en Santiago e dos Servizos Administrativos do edificio da Biblioteca Intercentros en Lugo. Igualmente constitúense como oficinas auxiliares de asistencia en materia de rexistro as correspondentes á da Área de Xestión de Valorización de I+D e as do Servizo de Xestión Académica nos campus Norte e Vida.

Outros puntos
En materia de profesorado, o órgano colexiado tamén aprobou as comisións de selección e o acordo de convocatorias de prazas de Profesorado Contratado Doutor e titular correspondentes á OEP 2018 e ás adiadas de 2016 e 2017, así como a reposición de prazas vacantes de profesorado asociado e das súas correspondentes comisións de selección. Tamén se aprobou a proposta de complementos retributivos autonómicos da convocatoria de 2017 logo da avaliación positiva da ACSUG para o recoñecemento da excelencia curricular docente e investigadora, polo exercicio de cargos de xestión e ao labor investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento