Venres 19 Abril 2024

A Universidade de maiores da UVigo achégase ás zonas rurais de Ourense e Pontevedra

Nun territorio no que máis dun 22% da poboación supera os 65 anos acada, se cabe, aínda máis sentido o obxectivo da Unión Europea reflectido no Espazo Europeo de Aprendizaxe Permanente de favorecer unha formación ao longo da vida, como un medio para, entre outros aspectos, promover a cohesión e o tecido social, así como unha cidadanía activa e a realización persoal das e dos seus integrantes. Cun Programa da Maiores de seu desde ano 1997, a Universidade de Vigo pretende agora dar un paso máis no obxectivo de achegar o coñecemento ás persoas maiores de 55 anos, desta volta, que viven nunha vintena de comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense. Mareas de coñecemento e experiencia é a denominación desta iniciativa que comezará o vindeiro mes de decembro no Val Miñor e que permitirá, que de xeito gratuíto, un máximo de 50 persoas poidan, durante tres sesións teóricas e outras tantas prácticas, formarse con docentes e persoal investigador da Universidade de Vigo en diferentes ámbitos do coñecemento.

A UVigo conta cun programa de maiores desde 1997, e agora dá un paso máis para achegarse ao rural

“O obxectivo é achegar á poboación rural maior de 55 anos, que ten dificultades para acceder ás instalacións da universidade, un programa formativo nos ámbitos da xeografía, arte e cultura; ciencia e medio ambiente e saúde, benestar e deporte. É un programa moi atractivo, no que agardo participen moitas persoas interesadas en formarse”, asegura Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que mantivo hoxe un encontro no concello de Nigrán co alcalde, Juan González, e os concelleiros de Participación Veciñal e Educación e Deportes.

Publicidade

A vicerreitora asegura que con este programa a Universidade de Vigo cumpre co seu compromiso de achegarse tamén á poboación rural  e máis concretamente á que, “nalgúns casos pola súa idade, non tivo oportunidade de formarse, ou que simplemente quere ampliar os seus coñecementos” e que agora poderá facelo a través desta iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia e á que poderían sumarse as deputacións de Pontevedra e Ourense, ás que xa se lles fixo chegar o programa, o que permitiría desenvolvelo nas máis de 20 comarcas previstas. Caldas, Morrazo, Paradanta, Pontevedra, Tabeirós-Terras de Montes, Vigo, Baixo Miño, Condado, Deza e Salnés, no caso da provincia de Pontevedra e Allariz- Maceda, Baixa Limia, Carballiño, A Limia, Ourense, Ribeiro, Terras de Caldelas, Celanova, Trives, Valdeorras, Verín e Viana, na de Ourense, son as comarcas das áreas de influencia da Universidade de Vigo nas que se prevé se poida desenvolver o programa formativo.

Formación teórica e práctica a cargo de profesorado da universidade

O programa Mareas de coñecemento e experiencia, que é gratuíto para as e os participantes, arrancará no concello de Nigrán o 3 de decembro no centro de negocios de Porto do Molle. 50 é o número máximo de veciñas e veciños dos concellos do Val Miñor (Nigrán, Baiona e Gondomar) que poderán participar nesta iniciativa, que se desenvolverá en seis sesións, tres teóricas de oito horas e outras tres prácticas de nove horas. O primeiro seminario Xeografía, arte e historia, que será impartido por profesorado da Facultade de Historia incluirá unha sesión teórica o día 3 sobre arquitectura e arte galego na contorna do Miñor e unha sesión práctica o 5 de decembro, na que as e os participantes no curso realizarán unha visita cultural á contorna do Miñor.

Os contidos adaptaranse á realidade social e cultural de cada unha das comarcas

O segundo seminario Ciencia e medio ambiente, que será impartido polo docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Bienvenido Díaz, desenvolverase o 10 e o 12 de decembro e nel tratarase o coñecemento xeolóxico e realizarase unha visita ao estuario da Foz na Ramallosa. O 17 e o 18 de decembro terá lugar o seminario de saúde, benestar e deporte a cargo do docente e investigador do Departamento de Didácticas Especiais José Luis García Soidán, no que, na parte teórica, se abordarán os beneficios do sendeirismo para a saúde e na parte practica desenvolverase unha ruta cardiosaudable de oito quilómetros no Val Miñor. As persoas interesadas en participar nos seminarios poderán inscribirse na oficina de atención cidadá do Concello de Nigrán.

Mareas de coñecemento e experiencia permitirá, asegura a responsable da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, “democratizar o coñecemento”, a través de accións específicas que perseguen a revalorización do noso patrimonio; a concienciación a aprendizaxe da presenza da ciencia no día a día; o recoñecemento do valor das disciplinas artísticas nas emocións e as vivencias e acadar unha mellor calidade de vida, de benestar e de participación.

Os contidos dos seminarios deseñaranse especificamente para cada comarca na que se desenvolva o programa, o que permitirá coñecer, identificar e valorar o seu patrimonio nas súas diferentes manifestacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023