Marleine Paula Marcondes.

Unha nova doutora que le a tese en Vigo con 76 anos

Marleine Paula Marcondes presentou a súa tese doutoral sobre a sátira política medieval galego-portuguesa

Pois chus mol[e] é que manteiga/ maldito seja!

Parte destes versos escritos polo rei de Castela Alfonso X no século XIII dan título á tese de doutoramento Máis mole que manteiga (Da realidade à utopía na sátira política medieval galego-portuguesa), na que Marleine Paula Marcondes e Ferreira de Toledo, a doutora de máis idade pola Universidade de Vigo, (1942, Guardinha, MG, Brasil) estudou o sirventés político, unha modalidade poética de orixe provenzal xeralmente en ton satírico, a través da análise de máis de 40 cantigas, escritas entre os séculos XII e XIV, por un total de 17 autores.

No verso que dá título á tese, dirixida polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé Beito Arias Freixedo, “o rei critica a vacilación dun rico home en presentarse cos seus guerreiros para loitar contra os mouros na planicie de Granada.

O cabaleiro vituperado non posúe nada do vigor físico, da combatividade e enerxía do heroe das xestas”, explica Marleine Paula Marcondes, que contextualiza esta cantiga na rebelión dos ricos homes de Alfonso X, que rexeitaron combater polo rei na defensa da fronteira de Andalucía fronte aos invasores, chegados de Marrocos.

Esta, ademais, non é a única cantiga en que o monarca castelán bota man da sátira para burlarse dos guerreiros cristiáns quen, noutra composición, asegura o rei que tremían de medo e fuxían, de xeito que á vista dos combatentes chegados de África, corría polas súas pernas un río maior que o Guadalquivir.

“Entrei en contacto coa sátira política como estudante do Grao en Filologia e Língua Portuguesa na Universidade de São Paulo. O que nela me atrae é o gusto especial que teño, alén dos estudos de Literatura e Filoloxía, polas relacións internacionais e pola política, particularmente”, explica a autora da tese e tamén doutora pola institución académica brasileira, que chegou á Universidade de Vigo no ano 2003, concorrendo a unha bolsa como profesora visitante na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Marleine Paula Marcondes.

Con 76 anos, Marleine Paula é a doutora de máis idade da Universidade de Vigo, unha circunstancia que considera “un privilexio por conseguir pasar desa idade con vitalidade física, mental, emocional, o que me permite continuar traballando na docencia, na investigación e outras actividades, podendo ser útil para a miña familia, a Universidade de São Paulo e ao país”, asegura a doutora, que tamén exerce funcións de avaliadora e supervisora institucional e de cursos do Ministerio de Educación (MEC) do Brasil.

A doutora brasileira considera que a ausencia de presión é a gran vantaxe que proporciona realizar unha tese coa súa idade. “Considerando que a actividade intelectual é para toda a vida, debruzarse sobre un traballo de elevado grao de responsabilidade, como é unha tese, provoca maior satisfacción e pracer que lanzarse sobre actividades máis leves. E é un reencontrarse consigo mesma, medindo forza, vontade, un estímulo para seguir vivindo coa idea de que non se pode parar mirando a vida pasar. É moi bo se autor e personaxe da súa historia de vida e a preparación intelectual é un dos compoñentes desa conquista”, asegura a doutora.

Marcondes explica que nas clasificacións máis antigas, os sirventeses políticos non constituían un corpus específico, incluíndose entre os escarnios e maldiceres do tempo, conforme fosen xenéricos ou persoais. “A denominación sirventés político encóntrase en Tavani, Sholberg, Luciana Picchio, e moitos outros, secundando aos franceses, que estudaron esa modalidade na poesía provenzal”, explica a autora da tese, que sinala, que non obstante, Tavani, apoiado por Pellegrini pon en dúbida a presenza dunha modalidade literaria propiamente política nos reinos ibéricos.

Na súa investigación, a nova doutora estudou 42 cantigas da lírica medieval galaico-portuguesa

Na súa investigación, a doutora estudou 42 cantigas, aínda que atopou máis “nas que hai un referencial político implícito”, pero pola necesidade de delimitar, optou por incluír as que aluden explicitamente ás contendas políticas, excepción feita de algunhas anexadas en razón ao que se chama ‘de ciclo’ ou outras que establecen unha relación entre política e moral.

“O sirventés político é un discurso contestario, xa que o cadro do medo, traizón, inxerencia e avaricia que as composicións presentan, contraponse totalmente aos ideais do tempo, presentes en toda a produción de xestas, máis ou menos coetánea, exemplificada no Cantar de mio Cid e na Chronica do muito alto e muito esclarecido principe D. Afonso Henriques, primeiro rey de Portugal”, explica Marcondes en relación cunha das conclusións ás que chegou na súa investigación sobre os sirventeses políticos, que tamén define como discursos documentais, “porque o panorama configurado polas cantigas analizadas parece próximo do real” e persuasivo, “polo aveso. Ante os vicios denunciados débese chegar ao devezo polas virtudes contrarias, subentendéndonse unha prescrición deontolóxica”, sinala a doutora.

Do estudo das obras de 17 autores, entre os que se atopan ademais de Alfonso X,  Pedro Afonso de Portugal, conde de Barcelos; o nobre galego Paio Gomes Charinho; o clérigo galego Airas Nunes; o xograr Caldeirom ou o trobador catalán Martín Moxa, a autora da tese tamén conclúe que o sirventés político “ten unha mirada na utopía, que pode encamiñarse en dous sentidos: dunha banda as cantigas acenan nun xogo de contrarios para a utopía oficial, de recuperación de valores da época: patria, monarquía, nobreza, relixión, aínda que indo máis ao fondo, a visión nihilista da realidade, pode apuntar para unha sociedade alternativa, na que o poder político sexa substituído polo poder moral”, explica a doutora, que neste sentido, sinala que as sátiras políticas apuntan a utopía radical de tabula rasa da sociedade de entón, a fin de reestruturar unha especie de beatitude paradisíaca, como permite inferir o complexo mítico-herético-cristián, que compuña o referencial sagrado da Idade Media.

Marcondes centrou o seu estudo en textos que van de finais do século XII “considerando a cantiga Ora faz ost’o senhor de Navarra, de João Soares de Paiva, como a composición trobadoresca galego-portuguesa máis antiga que se poida datar, probablemente en 1196”, explica, ata mediados do XIV. En canto aos autores dos sirventeses analizados na súa tese, a doutora defíneos como “de primeira liña no ámbito da poesía trobadoresca galego-portuguesa”, un xénero desenvolvido nun contexto histórico, en concreto o referido ao século XIII, nunha Península Ibérica caracterizada polo combate contra os invasores chegados desde o norte de África, en especial a guerra de Granada e as loitas internas de reino contra reino, destacando a guerra civil portuguesa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.