Un equipo da USC investiga métodos de control das biotoxinas

O grupo de investigación Farmatox participa xunto con outras entidades europeas no programa de formación de doutores

Imaxe que recrea toxinas.

O grupo de investigación Farmatox da USC, coordinado polo catedrático da área de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, Luis Miguel Botana, pescuda no mecanismo que provoca a toxicidade das biotoxinas ao abeiro do proxecto BIOTOXDoc, un programa internacional incluído na estratexia Horizonte Europea, no que participan máis dunha ducia de entidades europeas.

O obxectivo xeral de BIOTOXDoc pasa por formar doutores e especializalos nunha ampla gama de habilidades e competencias complementarias, pero que se antollan necesarias para que a ciencia avance no control das biotoxinas, aproveitando un equipo multidisciplinar e multisectorial de expertos de talla mundial. A liña de traballo que desenvolverá o grupo Farmatox da USC neste proxecto centrarase no estudo do mecanismo que produce a toxicidade das toxinas, segundo indica Luis M. Botana, que ve neste proxecto de I+D unha oportunidade para avanzar no ámbito da seguridade alimentaria a nivel mundial.

A problemática derivada das biotoxinas e, especialmente a relacionada coas toxinas maxiñas, é crecente e require de solucións urxentes, sinala Botana, quen, ademais de salientar a falta de investigadores especialistas en seguridade alimentaria, tamén cuestiona a eficacia e a precisión das diferentes normativas vixentes para garantir a produción e o subministro de alimentos seguros no mundo nun contexto de cambio climático.

Os investigadores de doutoramento seleccionados para tomar parte no proxecto BIOTOXDoc desenvolverán novas estratexias de desintoxicación de biotoxinas e avaliarán a toxicidade combinada de biotoxinas coexistentes, ao tempo que realizarán probas rápidas e de confirmación de biotoxinas. Os diferentes traballos de experimentación e as pescudas desenvolvidas no marco deste proxecto buscan colmar as lagoas máis importantes do coñecemento actual neste ámbito científico.

O principal vínculo entre os diferentes investigadores de doutoramento que se incorporen a este proxecto internacional é que, a expensas dos enfoques e dos segmentos da cadea alimentaria humana e animal, todos abordarán a influencia do cambio climático na aparición de biotoxinas e a consecuente demanda de estratexias revisadas para mitigar o seu impacto na poboación europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.