Venres 19 Abril 2024

Un banco de recursos didácticos para ‘Educar en tempos de Covid’

Profesorado da USC recompila nunha plataforma diversos materiais escolares en liña para axudar nas aulas a educar neste tempo de pandemia

Educar en tempos de COVID. Con este lema, alumnado da materia Deseño e elaboración de Materiais Didácticos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, coordinados polos docentes Jesús Rodríguez Rodríguez e Tania Caamaño Liñares, botan a andar un banco de recursos educativos. Este é “un proxecto cooperativo no que cada ano, o novo alumnado que entre na materia, actualizará o banco procurando, analizando e seleccionando o material axeitado”, explica o profesor Jesús Rodríguez.

O banco recolle materiais e outros recursos organizándoos en función dos destinatarios aos que se dirixen. Así, contempla páxinas especificamente dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, ademais de apartados específicos dirixidos a familias, docentes e para os propios centros educativos. Á súa vez, dentro de cada apartado, os recursos dispoñibles están organizados en función da súa procedencia, de xeito que se atoparán agrupados por editoriais, revistas de educación, redes sociais, páxinas web ou blogs, entre outras categorías. Como alternativa, quen utilice a páxina tamén poderá facer buscas de recursos por temática (por exemplo, contos, guías, xogos,…) a través do buscador interno introducindo as palabras chave que precise.

Publicidade

O proceso de organización e selección do material partiu de diversas fontes como poden ser as redes sociais, páxinas web especializadas ou blogs temáticos. O primeiro criterio foi educativo, “o que serviu para que o noso alumnado comprendese a capacidade de adaptación e uso dos diferentes materiais e recursos atopados, así como traballar a súa percepción pedagóxica. O material debía estar creado para afrontar as diferentes situacións nas que nos vemos inmersos e axudar a comprender que é unha pandemia ou un virus, como afrontar o confinamento ou recursos de apoio para afrontar psicoloxicamente a inestabilidade da actual situación”, aclaran os promotores do proxecto. Outro factor aplicado na escolla foi que os materiais seleccionados debían “estar feito en galego ou por galegos/as”. Deste xeito “sabemos que non só se adecúan ao problema sanitario senón tamén á idiosincrasia da nosa comunidade.

Un dos criterios de selección foi que o material sexa feito ‘en galego ou por galegos’

A iniciativa xurdiu coa pretensión de levar a cabo “un proxecto que nos conectara coa realidade que estamos vivindo”. Neste senso, “poder crear un espazo para visibilizar todo ese traballo e talento que temos no noso sistema educativo tamén motiva o alumnado de cara á súa entrada no ámbito laboral, para ser mestres e mestras comprometidas co contexto e coa educación”, engaden Tania Caamaño e Jesús Rodríguez.

Coa idea de que este é un proxecto “de tod@s, para tod@S”, este banco de recursos está aberto á participación da comunidade educativa, inicialmente para afrontar as necesidades educativas derivadas da Covid, pero tamén como un repositorio no que se reúnan ferramentas de utilidade para o proceso educativo de rapaces e rapazas dun espectro amplo de idades, máis alá da época actual. “Partimos da premisa de que compartir é crecer en sociedade, e nesta páxina intentamos levar á practica esa idea”.

En conxunto, o repositorio deseñado na USC é “un espazo comunitario onde tanto alumnado, como familias, mestres e mestras, equipos directivos de centros educativos, e calquera persoa que queira ver que se fai en Galicia para educar en tempos de COVID-19, atopen contidos, recursos e ideas para seguir medrando”.  Pero indo máis alá, “tamén nos gustaría que fose unha xanela ao sistema educativo galego, tan rico na súa creación e adaptación de materiais e recursos onde a pandemia non afectou a aprendizaxe global”. O equipo de Ciencias da Educación responsable deste proxecto considera que “hai moito material onde a cultura, as ciencias, a historia se entrelazan con esta situación social para xerar un proceso de aprendizaxe integral. Temos moi bos e boas profesionais na educación e gústanos poder amosalo dende este proxecto.

Aquí podes consultar o catálogo de materiais e outros recursos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade