Xoves 28 Marzo 2024

O programa InTalent da UDC e Inditex devolve a Galicia a dous investigadores de excelencia

A Universidade da Coruña incorpora a dous novos investigadores internacionais de excelencia grazas ao programa de captación de valía InTalent, que promove a Universidade da Coruña co financiamento de Inditex. Ana Rey Rico, da área de Biomedicina, e Jorge Ledo, da área de Humanidades, incorpóranse ao plantel investigador coruñés con este programa que lles permitirá desenvolver o seu proxecto investigador durante os próximos anos.

Este mércores, nun acto celebrado na reitoría da UDC, Julio Abalde deu a benvida aos dous novos investigadores da universidade. Jorge Ledo agradeceu á UDC e á empresa Inditex “a oportunidade de volver a España despois de dez anos fóra”. Ledo, licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña, completou a súa formación en universidades de Barcelona, Madrid e Reino Unido e foi docente nas universidades de Michigan, Estados Unidos, e Basilea; polo que “volver á UDC é volver a casa”, declarou. Ledo engadiu que este programa lle permitirá tamén orientar aos estudantes da UDC na súa formación no exterior, así como atraer investigación e talento intelectual de fóra á propia Universidade.

Publicidade

 

Pola súa parte, Ana Rey reiterou o seu agradecemento ao programa InTalent porque “é unha oportunidade excepcional de iniciar a miña carreira investigadora en España”. Ana Rey é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Farmacia pola mesma universidade. Tras rematar o seu doutoramento continuou como investigadora postdoutoral en terapia xénica no Centro de Ortopedia Experimental en Homburg/Saarland, en Alemaña.

Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, manifestou a súa satisfacción por que este programa facilite o retorno a Galicia de dous investigadores de excelencia. InTalent permitirá que desenvolvan “a súa brillante carreira investigadora dentro da Universidade da Coruña” e lembrou que con estas incorporacións refórzase a estratexia científica e de profesorado da UDC xa que permitirá, ademais, que ao remate do seu contrato como investigadores se incorporen ao plantel de profesorado. “Un dos maiores problemas da universidade española é o envellecemento da súa plantilla e a dificultade de reter e captar talento”, lembrou.

Finalmente, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, explicou que Ana Rey e Jorge Ledo son as incorporacións da segunda convocatoria do programa InTalent, na que se presentaron 64 solicitudes de todo o mundo. “É un programa moi competitivo, con brillantes currículos e o difícil é elixir só dous”, dixo.

InTalent é un programa para captar e reter a excelencia investigadora en Galicia. Creado pola Universidade da Coruña en 2016, conta co financiamento de Inditex por un importe total de 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019. O contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. O importe de cada contrato será de 45.000 euros anuais, máis unha axuda de 10.000 euros para os gastos de posta en marcha do seu proxecto científico. Ademais, a Universidade abonará con 1.000 euros os gastos de desprazamento.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dez anos de xornalismo e divulgación

O reitor da UDC, Julio Abalde, salienta o papel de Gciencia como impulsor da divulgación científica en Galicia nos últimos 10 anos

Psico VR, Orballo e Grupo VARPA reciben os premios Spin-Off PuntoGal en Santiago

A cuarta edición do certame contou con preto de 15 candidaturas de "alta calidade", segundo destacou o xurado

Os tres reitores galegos rexeitan nun comunicado a creación dunha universidade privada

Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa expoñen nun comunicado que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia“