Xoves 28 Marzo 2024

Como se tería comportado a covid con outras restricións? Esta metolodoxía permite sabelo

Investigadores das áreas de Física e Xeografía da USC publican descritores matemáticos que poden axudar a tomar mellores decisións nun futuro confinamento

A pandemia da covid cambiou moitas cousas, entre elas, o entendemento sobre a transmisión dos virus e o seguimento que se pode facer destes. Precisamente coa idea de avaliar o risco de brotes pandémicos en localidades concretas xurdiu unha colaboración entre dous grupos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un de Física e outro de Xeografía.

“Foi un pouco unha casualidade. Ambos grupos recibimos uns dos poucos proxectos que deron no Instituto de Salud Carlos III en plena campaña da covid, entón a USC fixo un acto para promocionalo e ao coincidir nesa reunión e comezar a falar pensamos que podíamos facer algo xuntos porque as nosas especialidades compleméntanse moi ben”, explica Alberto Pérez Muñuzuri, profesor titular na Facultade de Física.

Publicidade

Esta colaboración materializouse o pasado ano, coa publicación en Scientific Reports dun estudo que pretendía validar unha metodoloxía baseada en descritores matemáticos que puidera identificar os municipios galegos con maior probabilidade de sufrir un brote pandémico. Agora, veñen de publicar na revista Chaos, Solitons & Fractals unha investigación aplicando este método a toda España, estimando ademais o impacto das diferentes restricións de mobilidade.

“Estamos contentísimos. A revista Chaos é súper potente e que nos aceptaran a investigación e ademais tan rápido é incrible. Esta metodoloxía é unha combinación de física pura coas ciencias sociais e análise territorial. É unha liña diferenciadora e todo o esforzo paga a pena”, afirma Ángel Miramontes, profesor na Facultade de Xeografía e investigador no Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).

Unha metodoloxía novidosa

O estudo que acaba de ser publicado enfócase na interacción entre os patróns de infectividade causados por distincións territoriais e os fluxos de mobilidade que existen entre localidades. Así, cun descritor matemático baseado en cálculos analíticos, os investigadores foron capaces de avaliar o comportamento espacial da covid e coñecer os puntos críticos de certas rexións.

O modelo creado pode adaptarse ás características específicas dunha rexión  engadindo capas locais

“Por unha banda están os modelos de pandemia, que ofrecen a previsión da transmisión do virus e ver como a onda de pandemia vai avanzando nun país ou como incide en distintas cidades. Nós fixemos un modelo multicapa no cal temos incluído obviamente o modelo de pandemia, pero tamén as características especiais da xeografía dun lugar: rede de estradas, comunicación ou mobilidade poboacional”, explica Muñuzuri.

Ademais, trátase dunha ferramenta sinxela e eficiente á hora de presentar varios escenarios ao tempo que, como explica o físico, “é unha metodoloxía novidosa, moi dinámica e rápida que non implica tanto cálculo computacional como outros modelos”, e que non só contempla a posibilidade de engadir capas locais para agregar información específica, senón que tamén permite a estratificación por idade.

Mellores decisións

Para poder levar a cabo simulacións das distintas restricións que se levaron a cabo durante o peor da pandemia, e das que se puideron ter implementado, os investigadores dividiron os grupos poboacionais en catro estratos: menores de 20 anos, de 20 a 39, de 40 a 69 e maiores de 70.

Muñuzuri: “SE hai dous anos só estiveran confinados os máis novos e os maiores o resultado epidemiolóxico sería o mesmo”

“Estivemos analizando distintas configuracións de poboación para intentar ver cales eran as óptimas que permitían minimizar o impacto económico e tamén o sanitario. Unha das conclusións, que ademais nos sorprendeu moito, é que deixando liberdade de movemento á franxa de idade produtiva —de 20 a 69 anos— e aplicando un confinamento aos rangos de idade máis pequenos e máis elevados obtiñamos os mesmos resultados de control da pandemia que cando se aplicaba un peche a toda a poboación. É dicir, na situación tan restritiva que tivemos hai dous anos, se en vez de facelo como se fixo, se tivera feito confinando só aos máis novos e aos maiores, teriamos o mesmo resultado a nivel epidemiolóxico que pechando a toda a poboación, pero sen o impacto económico que houbo“, sinala Muñuzuri.

Así, para o físico a principal utilidade desta ferramenta é a posibilidade de servir “a quen fai política e toma as decisións. Para calquera eventualidade futura, este método pode axudar a escoller aquelas medidas que sexan o menos prexudiciais posible para todos“.

Bloques adaptables

Outra das vantaxes que ten a metodoloxía desenvolvida no marco desta colaboración é a capacidade de ir engadindo capas de información: “Estouno inventando, pero imaxinemos que en Alemaña houbese moita conectividade a través dos ríos, pois poderíamos engadir a capa de mobilidade a través dos ríos”, exemplifica Muñuzuri. 

Polo tanto, é un modelo que pode exportarse e aplicarse en calquera lugar do mundo e, segundo as propias palabras do físico, inclusive podería servir para outras enfermidades: “Habería que adaptar o modelo epidemiolóxico para o caso concreto, pero ao ser un modelo por bloques é totalmente adaptable, en principio podería ser aplicado”.


Referencia: Assessing the risk of pandemic outbreaks across municipalities with mathematical descriptors based on age and mobility restrictions (Publicado en Chaos, Solitons & Fractals)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios

Galicia arrinca a vacinación contra a gripe e a covid o 25 de setembro

A Consellería de Sanidade confirma que a campaña de 2023 se prolongará ata o 31 de decembro e se levará a cabo en diferentes centros