Martes 23 Abril 2024

Científicos da USC idean un sistema de ventilación para as aulas galegas

A proposta nace co obxectivo de identificar o tempo necesario para airear os diferentes espazos dos centros educativos

Dous anos despois do inicio da pandemia e coa recente desaparición da obligatoriedade das máscaras faciais en espazos interiores, a necesidade de ter unha ventilación axeitada nas zonas pechadas é un asunto de suma relevancia. Ante isto, un equipo de físicos da Universidade de Santiago de Compostela (USCpublicou na revista Indoor and Built Enviroment un artigo que presenta un sistema de ventilación que foi probado con éxito nos centros educativos galegos dende comezos de 2021, pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade. Esta proposta, que agora ve a luz, naceu coa intención de identificar o tempo necesario de ventilación nas aulas e noutros espazos docentes.

O sistema ideouse tras a introdución de parámetros básicos dun espazo dado, como o seu volume, emprazamento, orientación contorna arquitectónica ou ocupación media. O que fai é producir tempos de ventilación optimizados en base a prognósticos meteorolóxicos. “Dado que a transmisión aérea do SARS-CoV-2 é a clave na propagación da covid, o interese pola calidade do aire nos espazos pechados volveuse de suma importancia”, explican os asinantes do artigo e investigadores da Facultade de Física, Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez.

Publicidade

Dúas fases de ventilación

O sistema dividiuse en dúas fases. A primeira delas consistiu na introdución, na web do sistema, de datos básicos dos centros educativos, como características das súas aulas, sobre todo os seus volumes e as superficies das fiestras, a súa orientación xeográfica e unhas indicacións mínimas sobre os posibles obstáculos exteriores para a circulación do aire. 

Con eses datos, e xunto aos valores numéricos de predición meteorolóxica proporcionados dúas veces ao día por Meteogalicia, o sistema indicáballe a cada centro, de xeito individualizado, o ritmo e tempo necesario de ventilación para cada unha das aulas introducidas no sistema. O resultado ofrecíase tanto para a franxa matinal como como a vespertina. Ese dato era afinado cruzando a información introducida no sistema polos centros cunha serie de tipoloxías de distribución interior. Desta forma, cada centro escolar podía saber canto tempo debían manter as ventás das aulas abertas para conseguir a correcta renovación do seu aire.

Con este sistema optimízase o confort do alumnado na aula e os recursos de calefacción

“Foi a primeira vez que se combinaban os datos meteorolóxicos específicos de cada localidade para dar unha marxe de ventilación máis acaída a cada aula no día a día”, sinalan os investigadores. “Isto supuxo unha mellora relativa sobre as recomendacións xerais que había ata ese momento, ao dar pautas específicas para cada caso, que dependen tanto do emprazamento xeográfico como, sobre todo, da situación meteorolóxica puntual”, engaden. Ademais, deste xeito, optimízase o confort dos alumnos na aula e os recursos de calefacción, sempre mantendo a máxima seguridade dende o punto de vista da saúde. 

VentilatioLab: froito da reducción de patóxenos no aire

Os autores deste sistema son tamén promotores da spin-off da USC VentilatioLab, que se puxo en marcha en febreiro deste ano. A obtención dunha calidade do aire óptima en espazos pechados, minimizando o impacto da covid e doutros posibles virus no ambiente, foi o xemolo desta empresa de base tecnolóxica que ten por obxecto reducir a capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos. VentilatioLab desenvolve unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece cal debe ser a localización e número dos ocupantes de cada espazo para mellorar a salubridade do aire. 

“A chave é a identificación de dominios de fluxos de aire illados dentro do propio espazo, de forma que os aerosois (nanogotas) exhalados polos ocupantes nun dominio non alcancen a outros e, por tanto, non sexan inspirados polos demais ocupantes do espazo”, explican os promotores da empresa.

As predicións que elabora VentilatioLab poden ser explotadas dende a fase de deseño arquitectónico e enxeñería de ventilación, para así garantir que os espazos públicos de nova creación posúan uns fluxos de correntes óptimos, dende o punto de vista da saúde. No caso de ser necesario, valora a necesidade de inclusión doutras entradas de aire forzadas que permitan a creación de compartimentos illados mediante correntes de aire que eviten o intercambio de nanogotas entre os diferentes grupos de ocupación. Deste modo, obtense unha optimización do espazo, da súa capacidade e da calidade do aire.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios

Galicia arrinca a vacinación contra a gripe e a covid o 25 de setembro

A Consellería de Sanidade confirma que a campaña de 2023 se prolongará ata o 31 de decembro e se levará a cabo en diferentes centros