Estes son os seis investigadores de centros galegos con maior impacto mediático en España

O talento da Universidade de Santiago de Compostela entra nos primeiros 100 postos do ránking do CSIC, que recolle datos de publicacións do Google Académico

Ningunha investigadora de centros galegos aparecen nos cen primeiros postos.
Ningunha investigadora de centros galegos aparecen nos cen primeiros postos.

Cibrán Santamarina RíosThomas DentJuan J. Saborido SilvaXabier Cid VidalFelipe F. Casanueva Carlos Diéguez. Eses son os nomes dos seis investigadores de centros galegos que acadaron un oco entre os 100 profesionais científicos de maior impacto mediático en España. Así o recolle un ránking elaborado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) a partir da base de datos do Google Académico (Google Scholar, en inglés), a máis completa do mundo. 

A listaxe recolle aqueles perfís de científicos españois que traballan tanto en España como fóra do noso país, así como os de científicos estranxeiros que investigan en centros e universidades do Estado. Nela, especifícase o nome completo da persoa investigadora, o ORCID (un código alfanúmerico que identifica as autoras do eido científico ou académico) de telo, a organización da que fan parte e o número de atribucións ou citas coas que contan. No pasado ano 2021, esta clasificación superou os 100.000 investigadores.

Amais, e como criterio de orde, o CSIC tivo en conta o índice h que, segundo a métrica empregada por Google, mide o impacto mediático total dos artigos científicos asinados polos académicos. Entre os 100 primeiros, ese índice é igual ou superior a 117, o que indica unha gran repercusión.

A universidade galega, sinónimo de recoñecemento

A Universidade de Vigo (UVigo) fai a súa primeira aparición no posto 362, da man do doutor en Ciencias Biolóxicas Maurizio Battino, e a cidade herculina menciónase co investigador e reumatólogo Francisco J. Blanco, vinculado ao Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) e ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. No que respecta a eses seis científicos dos primeiros 100 postos, todos están vinculados á Universidade de Santiago de Compostela (USC), se ben no caso de Felipe F. Casanueva tamén se fai mención á Rede Española de Investigación sobre Obesidade e Nutrición (CIBERobn) e ao Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).

Cibrán Santamarina Rios (31º, 167 i-h, 144.989 citas)

Santamarina Rios é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta cun doutoramento no experimento Dirac do Centro Europeo para a Investigación en Física de Partículas (CERN) na medición do tempo de vida pionium. Posteriormente exerceu de “research fellow” do CERN no experimento ATLAS. Para este mesmo experimento foi contratado pola McGill University en Montreal, onde traballaría na busca do bosón de Higgs.

Desde hai anos é profesor contratado doutor na USC na área de Física Atómica, Molecular e Nuclear, e forma parte do Instituto Galego de Fisica de Altas Enerxias (IGFAE). Na actualidade traballa no experimento LHCb do CERN e en entender a violación da simetría de Carga-Paridade na desintegracións de partículas que conteñen un quark b e algunhas das propiedades dos núcleos.

Thomas Dent (63º, 135 i-h, 101.516 citas)

Formado nas universidades de Oxford e Sussex, o eido de investigación de Dent é a astronomía, a física teórica de partículas, a astrofísica das ondas gravitacionais e cosmoloxía. Previo científico investigador do Laser Interferometer Gravitational-Wave Observatory (LIGO), chegaría a Galicia contratado polo IGFAE para coordinar o programa de ondas gravitacionais, debido á súa gran experiencia nos métodos de análise para detectar sinais de ondas procedentes da fusión de sistemas binarios de buracos negros e estrelas de neutróns. Na actualidade é membro do grupo de investigación “Teoría e Fenomenoloxía de Partículas, Astropartículas, Campos e Cordas” da USC.

Juan José Saborido Silva (64º, 135 i-h, 69.779 citas)

Saborido é doutor en Ciencias Físicas pola USC, con experiencia posdoutoral no CERN en Xinebra. Traballa na ánlise de datos do experimento LHCb e na xestión do centro de cálculo Tier2 da USC para LhCb, que funciona mediante tecnoloxías de computación GRID. Tamén é profesor titular na Facultade de Física da USC na área de Física Atómica, Molecular e Nuclear e forma parte do IGFAE.

Xabier Cid Vidal (72º, 125 i-h, 61.623 citas)

Cid Vidal é doutor en Física de Partículas (experimental) pola USC. Na actualidade é investigador “Ramón e Cajal” no IGFAE, onde coordina varios proxectos. Desde 2007 forma parte da colaboración do experimento LHCb do CERN. Dentro deste, o investigador ten feito contribucións esenciais para expandir o alcance da física do LHCb alén dos seus obxectivos iniciais, grazas ao seu liderado en física estraña ou exótica. Dentro do LHCb foi coordinador do grupo de traballo QCD, Electroweak, and Exotica (QEE), e actualmente forma parte do seu Speakers Bureau. En paralelo á súa carreira investigadora, Cid Vidal organizou ou participou en numerosas actividades de divulgación, como os Campus Científicos de Verán da USC.

Felipe F Casanueva (74º, 124 i-h, 61.623 citas)

Catedrático de Medicina da USC e Xefe do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Membro do grupo “Obesidade e Nutrición”, a súa liña de investigación está dirixida ao estudo da obesidade e o cancro, así como ao desenvolvemento de extratexias preventivas e novos tratamentos paliativos da obesidade.

É Doutor Honoris Causa de Medicina polas universidades de Lódz (Polonia), Erciyes (Turquía) e Belgrado (Serbia) e Membro Honorífico da European Society of Endocrinology (ESE). Expresidente de varias Sociedades Científica, tamén é Académico Numerario na cadeira de Endocrinoloxía da Real Academia de Medicina de Galicia (RAMYCGA)  e Académico de Honor da Agencia Española de Nutrición y Ciencias de la Alimentación (AEN).

Carlos Diéguez (86º, 121 i-h, 53.296 citas)

A actividade investigadora de Diéguez está centrada no ámbito da endocrinoloxía. A súa carreira profesional comezou no Reino Unido, no Departamento de Medicina de Cardiff (Gales), cun traballo enfocado na alteración das hormonas de crecemento. Actualmente é catedrático na Universidade de Santiago de Compostela, na área de Fisioloxía, é director do grupo Functional Obesomics no Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS). Ademais, exerce como Director Científico da Rede Española de Investigación sobre Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) e é medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

A fenda de xénero, tamén nas publicacións

Dos máis de 100.000 nomes que compoñen o ranking do CSIC, tan só o 39% corresponde a investigadoras. Amais, os primeiros 10 postos seguen reservados para eles. Para atopar á primeira muller hai que baixar até a posición número 11, da investigadora Judita Mamuzic do Instituto de Física Corpuscular UV-CSIC e o CERN. No caso dos centros galegos, María José Alonso, da USC, é a primeira en aparecer, no posto 175.


Accede aquí á listaxe completa. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.