Representantes do sector farmacéutico de Galicia participaron este mércores en Santiago de Compostela nunha reunión na que os asistentes analizaron a situación da Facultade de Farmacia da universidade compostelá, cuxas instalacións arrastran desde hai anos serios problemas estruturais debidos a contaminación que obrigaron a pechar o edificio e pensar incluso na demolición de parte del.
Na xuntanza, membros dos colexios de farmacéuticos de Galicia, distribuidoras farmacéuticas, farmacéuticos de hospital, a Real Academia Galega de Farmacia, o equipo decanal do centro, o goberno da USC e tamén o do Consello Social da universidade recoñeceron a súa “inquedanza”, e marcáronse o obxectivo común de facer partícipe á sociedade da “fonda preocupación” ante a situación do centro.
Segundo informa a USC, os colectivos e institucións presentes na xuntanza coincidiron en situar a problemática coma unha cuestión de primeira magnitude para o ámbito da saúde en Galicia. Todas as partes compartiron a relevancia da Facultade de Farmacia, un centro único en Galicia e tamén o referente para o noroeste español, polo que resulta evidente que se trata dun problema que transcende calquera tipo de interese particular ou límite xeográfico.
Os asistentes acordaron, a partir desta primeira reunión, conformar un grupo de traballo para elaborar un manifesto que sirva para crear un espazo de diálogo e colaboración con todos os axentes que participan do sector farmacéutico así como con institucións e administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais co único obxectivo de devolver á Facultade de Farmacia ao lugar que lle corresponde no referido ás infraestruturas e instalacións para desenvolver a súa función educativa e de investigación.
En marzo deste ano, despois de anos de reformas, cos alumnos e profesores espallados por varias facultades, a USC anunciou a intención de demoler o aulario e laboratorios da Facultade de Farmacia debido a un problema de contaminación por unha fuga nun depósito de fuel.
O problema apareceu hai máis de 10 anos, a finais de 2007. A fuga filtrouse ao solo, e contaminou unha zona situada baixo a facultade. Ao detectar a contaminación da zona, realizáronse as primeiras tarefas de limpeza, intentando extraer o combustible que había no subsolo. Mais o labor non foi suficiente, e o problema persistiu.
Aclaran desde a USC que este feito non xerou ningún tipo de problema estrutural: o principal inconveniente son os cheiros que desprende, e que pode xerar malestar e mesmo problemas puntuais de saúde nas persoas usuarias do edificio. Porén, a dificultade de acometer a limpeza co edificio enriba, segundo recoñecían desde a institución, convérteo nun procedemento arriscado e custoso.