Martes 23 Abril 2024

Santiago incorpora tres novos ‘honoris causa’: Braun, Vives e Moulines

A Universidade de Santiago de Compostela investiu este xoves como doutores honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines nunha cerimonia celebrada no Colexio de Fonseca e presidida polo reitor Juan Viaño Rey, para quen “o talento é a calidade inherente e intransferible dos profesores hoxe recoñecidos”.

Un momento da investidura.
Un momento da investidura.

A cerimonia deu comezo coa investidura do catedrático de Filosofía, Lóxica e Teoría da Ciencia na Universidade de Múnic Carlos Ulises Moulines, que dixo sentirse “honrado e profundamente conmovido” por canto coa USC lle unen “lazos entrañables desde o punto de vista persoal e profesional”. O profesor é o máis claro expoñente da corrente coñecida como ‘metateoría estruturalista’, cuxo obxectivo é acadar un mellor entendemento das estruturas conceptuais profundas da Ciencia, aínda que tamén fixo achegas significativas á filosofía en xeral desde a orientación ‘analítica’, que se ocupa pola elucidación conceptual dos problemas filosóficos.

Publicidade

Desde mediados dos anos 80 mantén unha estreita relación coa USC, que se materializou na participación en varias xornadas e congresos, como profesor visitante en dúas ocasións, e a dirección de teses doutorais, entre elas a do profesor José Luis Falguera, que exerceu como padriño no acto e que lle agradeceu que puxera sempre o seu traballo intelectual “á disposición da nosa Universidade”.

Vives Antón
Pola súa banda, o catedrático emérito de Dereito Penal da Universidade de Valencia Tomás Salvador Vives Antón foi proposto para doutor honoris causa pola Facultade de Dereito, toda vez que garda unha estreita relación coa súa área de Dereito Penal, á que pertence o seu padriño na investidura, o catedrático José Manuel Lorenzo Salgado, que salientou dúas obras do profesor, “de enorme impacto na doutrina penal”, como son La libertad como pretexto eFundamentos del sistema penal.

Discurso do reitor Viaño.
Discurso do reitor Viaño.

Vives Antón, que interveu coa lección ‘Modenidade e posmodernidade na doctrina penal’ é un dos xuristas españois máis completo e brillante dos últimos anos. Foi fiscal, catedrático de dereito penal, maxistrado do contencioso-administrativo, letrado do Tribunal Constitucional, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e maxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional. As súas obras tiveron, e seguen a ter, un grande impacto xa que contribuíu á creación dunha xurisprudencia constitucional cinguida aos valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, e a desenvolver, fortalecer e dar contido aos dereitos fundamentais. O reitor dixo del que pertence á categoría dos “xuristas comprometidos

Alexandrovich Braun
O último dos honoris causa investidos foi Mikhail Alexandrovich Braun, cuxo nomeamento para tal recoñecemento partiu do Departamento de Física de Partículas, que mantén unha estreita colaboración co profesor emérito da Facultade de Física da Universidade de San Petersburgo, na que durante moitos anos dirixiu o Departamento de Física de Altas Enerxías e dende o que contribuíu á formación de destacados físicos do campo amplamente recoñecidos como Lipatov, Levin, Balitsky ou Novosilov, continuando unha das escolas de Física Teórica máis relevantes internacionalmente.

O seu padriño no acto, o catedrático de Física Carlos Pajares Vales, destacou a “forte personalidade do profesor, que impregna a pegada que vai deixando nos avances realizados no campo das partículas elementais e en particular no das interaccións fortes”.  O efecto cumulativo, é dicir, a produción de partículas en colisións hadrón núcleo e núcleo núcleo fóra do límite cinemático das colisións núcleon·nucleon e fóra do movemento de Fermi dos nucleóns en núcleos é outro dos campos de interese de Braun, que en 2011 foi nomeado científico distinguido de Rusia.

No seu discurso gabouse de que debido aos “esforzos constantes e ideas xeniais” dos científicos e á construción de aceleradores xigantescos de partículas “podemos dicir que finalmente chegamos a entender practicamente por completo o que ocurre no mundo de partículas elementais nos laboratorios terrestres”. “Polo menos –dixo- ningún experimento realizado en laboratorios contradí a teoría de partículas construída, a coñecida como modelo estándar”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos