Xoves 18 Abril 2024

Santiago incorpora a Ben Feringa e Nicholas Peppas á súa lista de “honoris causa”

Os científicos Nicholas A. Peppas e Bernard L. Feringa, dúas referencias mundiais nas súas respectivas especialidades, forman parte dende este mércores da historia da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos os dous foron investidos doutores honoris causa da institución nunha concorrida cerimonia que presidiu o reitor Antonio López no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

No acto de investidura actuaron como madriña de Nicholas Peppas a catedrática María José Alonso Fernández e como padriño de Ben Faringa o tamén catedrático José L. Mascareñas Cid, que coincidiron nas súas laudatios en salientar o seu afán por axudar e alentar o persoal investigador novo e a súa colaboración con numerosas universidades españolas, nomeadamente a de Santiago de Compostela.

Publicidade

Nicholas A. Peppas

O profesor Peppas (Atenas, 1948) está considerado un líder mundial indiscutible en biomedicina e farmacia e máis concretamente nos biomateriais e a nanomedicina, ámbitos aos que ten contribuído dende a súa orixe hai pouco máis de medio século. A súa achega nestas últimas décadas sentou as bases do deseño racional de sistemas de liberación de fármacos, permitindo o desenvolvemento de terapias avanzadas e intelixentes.

Como explicou a profesora María José Alonso na laudatio do novo honoris causa da USC, Peppas “creou unha serie de modelos teóricos e ecuacións asociadas que permitiron entender como se pode controlar a liberación dun fármaco a partir da súa forma de dosificación para obter o seu máximo beneficio”. Pero ademais destes descubrimentos de carácter fundamental, a carreira do profesor Peppas distínguese polo seu carácter multidisciplinar e o seu impacto traslacional, de maneira que, por exemplo, desenvolveu a tecnoloxía Geomatrix, “un modo inxenioso de liberar fármacos a velocidade controlada durante 24 horas” ou sistemas sensibles á glucosa para o tratamento da diabete. Xa nas últimas décadas contribuíu substancialmente ao desenvolvemento de formas de administración oral de péptidos tales como a insulina (diabete), a calcitonina (osteoporose) e proteínas como o interferón alfa (cancro) e beta (esclerose múltiple).

Neste senso, o profesor Peppas –que advertiu que esta investidura como doutor honoris causa “non é o fin da miña carreira”- mostrou a súa satisfacción por que “a industria médica e farmacéutica use as nosas ideas para produtos médicos importantes”. “Creo –dixo- que a converxencia en ciencias biomédicas, química, bioloxía e enxeñaría nos permitirá comprender como se producen enfermidades e defectos xenéticos e desenvolver novos produtos químicos, biomateriais e medicamentos para tratalas”.

Salón Nobre do Colexio de Fonseca durante o acto. Foto: Santi Alvite/USC.
Salón Nobre do Colexio de Fonseca durante o acto. Foto: Santi Alvite/USC.

Ben Feringa

O catedrático de Química da Universidade de Groningen Ben Feringa (Países Baixos, 1951) e Premio Nobel de Química en 2016 é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. El demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución.

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos microscópicos.

Como explicou o profesor Mascareñas na súa laudatio, Feringa é un químico “rompedor e imaxinativo, un líder indiscutible no panorama científico actual, pero ante todo é un apaixonado da investigación e do descubrimento, cunha curiosidade insaciable”. En efecto, no seu discurso o novo honoris fixo un chamamento a “ir máis alá nos nosos horizontes e abandonar a nosa zona de confort se realmente estamos agardando unha sociedade sustentable no futuro”

Para o director do CiQUS, aínda que é difícil predicir as aplicacións concretas do traballo do profesor Feringa, “van permitir que os nosos descendentes poidan gozar de novos avances tecnolóxicos e biomédicos”. Lembraba unha conferencia que o profesor impartiu no CiQUS en 2016 na que presentou uns resultados “espectaculares” no campo da fotofarmacoloxía. En concreto, falou do deseño dun novo tipo de fármacos que se activan coa luz pero que permanecen activos só durante un período de tempo moi curto, co que se evita a xeración de resistencias. “É moi probable que esta tecnoloxía baseada en fotoactivacion temporal abra novas vías para afrontar este desafío”, afirmou.

O profesor Feringa dixo sentirse moi honrado polo outorgamento desta distinción “dunha institución como a Universidade de Santiago, que ten xogado un importante papel na miña carreira científica”.

Máis recursos

Pola súa banda, o reitor compostelán salientou os máis altos recoñecementos internacionais recibidos polos novos doutores. “Baste citar o premio Nobel de Feringa ou o recoñecemento de Peppas como un dos cen enxeñeiros químicos da era moderna”. “Son moitos os honores que preceden a estes creadores do saber, e digo creadores consciente de que o saber é unha construción e non un descubrimento, e esa capacidade innovadora e creadora é a que os acredita”.

López pechou o acto remarcando a importancia da investigación e reclamando para ela unha maior atención: “o incremento da demanda de coñecemento das nosas sociedades non se corresponde co investimento que facemos nel”. “Hai que darlle ás Universidades públicas, máximas responsables da educación superior e da investigación no noso país, os recursos que merecen de xeito que as distintas convocatorias cubran todos os custos directa ou indirectamente relacionados coa actividade”, reclamou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

A USC participa nun consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais

Os grupos de Noémi Csaba e María José Alonso forman parte dunha iniciativa que quere evitar infecciósn respiratorias de alta prevalencia