“Os matemáticos están demandados e ben pagados, non damos cuberto as ofertas”

Rosa Crujeiras, directora do CITMAga, fíxase como obxectivo converter en referente o novo consorcio, no que participan as tres universidades galegas

Rosa Crujeiras na Facultade de Matemáticas da USC

Rosa María Crujeiras Casais (Ribeira, 1978) é profesora titular no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Despois dunha longa traxectoria neste eido, dentro e fóra da facultade compostelá, agora vén de ser nomeada directora científica do recentemente creado Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

—Como xorde este centro?

—É un consorcio das tres universidades públicas de Galicia, con entidade xurídica propia. Créase para unir as capacidades, tanto en investigación como en transferencia de tecnoloxía e matemática, dos grupos das tres universidades. En Galicia vimos dunha importante tradición de desenvolvemento de investigación en matemáticas, por exemplo, coa creación do primeiro instituto de matemáticas de España na USC a comezos dos 80. 

Despois, ao longo dos anos, coa creación das outras universidades, sempre houbo proxectos colaborativos como o CONSOLIDER Ingenio Mathematica, no que Galicia tiña un nodo; ou o Instituto Español de Matemáticas, no que participaban as tres institucións académicas e o CESGA, cunha sede en Galicia. Sempre houbo unha forte colaboración no ámbito da investigación e unha das cousas que empezou a distinguir a Galicia era a transferencia da tecnoloxía matemática á industria.

—Entón, trátase de potenciar esa colaboración?

—Nestes momentos temos proxectos de investigación nos que participa xente das tres universidades. Hai titulacións conxuntas de mestrado e de doutoramento. Sempre houbo moita colaboración entre as tres, tanto en investigación como en transferencia. Hai un par de anos, dende a comunidade matemática comezamos a pensar en que máis podíamos facer, como dar un paso máis aló. Pódese observar unha especial atención na creación de estruturas potentes, e aquí temos a masa crítica suficiente como para crear, potenciar e impulsar tanto a parte de investigación como a parte de transferencia. E iso é o que pretendemos facer: queremos converter o CITMAga nun referente nacional e internacional.

—Cales son os obxectivos máis concretos?

Un dos propósitos é converterse no piar de excelencia dentro do ecosistema de I+D de Galicia, xa que as matemáticas son moi transversais, co cal nós podemos colaborar con outros centros de investigación, e xa o estamos facendo a través de proxectos conxuntos.

Temos como referentes o Instituto de Ciencias Matemáticas, un centro Severo Ochoa mixto entre o CSIC e a Universidade Carlos III, e o Basque Center for Applied Mathematics (BCAM), que tamén é un centro Severo Ochoa; así como o Centre de Recerca Matemàtica e o Centro de Matemáticas de Granada, que son unidades María de Maeztu. Son institucións que teñen un certo recoñecemento. Miramos para eles á hora de deseñar o CITMAga, pero tamén diferenciándonos en dous aspectos que nós cremos que son importantes e que poden ser o factor diferencial con respecto doutros centros: a nosa axenda científica e a nosa capacidade de transferencia de coñecemento.

“Hoxe en día os grandes retos globais se teñen que enfrontar necesariamente de maneira colaborativa”

—En que consiste esa axenda científica?

Temos catro áreas diferenciadas. Unha de ciencia e coñecemento, na que tratamos de aglutinar a investigación básica, movida pola curiosidade, que realmente é transversal ás outras áreas. As outras son áreas orientadas, isto é, que están aliñadas co que o programa Marco Horizonte Europa marca. Hai unha serie de clústers de intervención, retos globais, e orientamos a nosa investigación básica cara isto: vida e sustentabilidade, humanidades dixitais e competitividade industrial.

Como se pode ver, non está organizada do xeito clásico das áreas básicas das matemáticas como álxebra, estatística ou xeometría; senón que ten unha orientación diferente e o que se pretende con isto é promover a colaboración entre as áreas. Hoxe en día os grandes retos globais se teñen que enfrontar necesariamente de maneira colaborativa, entón isto tamén é o que tratamos de potenciar.

—E cal é o papel da transferencia de coñecemento?

Este outro factor diferencial comezou a desenvolverse no 2013 coa creación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), que agora queda integrado dentro do CITMAga como a oficina de transferencia dos resultados de investigación. Xa hai unha traxectoria importante de colaboracións con empresas, temos unha unidade mixta con Repsol, contratos importantes, proxectos europeos… Isto tamén queremos seguir potenciándoo porque é unha maneira de que xeremos valor no tecido produtivo.

“O comité industrial representa moi ben o que podemos ofrecer nunha carteira de servizos de cara ás empresas e tamén o tecido que temos en Galicia”

—Como é a organización do centro?

Agora mesmo somos 94 no persoal investigador vinculado, 35 en formación e 24 que forman parte do persoal propio en tarefas de apoio a proxectos e xestión. Neste último caso, hai moita mobilidade entre semanas por proxectos que rematan ou empezan, polo que adoitan estar entre os 20 e os 30.  

Encaixado coa axenda científica e a nosa capacidade de transferencia, o centro ten dous comités asesores: un comité asesor científico externo e un comité asesor industrial. No primeiro, temos a dous exdirectores de centros Severo Ochoa, Manuel León e Luis Vega; ao presidente da Rede Matemática e Industria, Emilio Carrizosa; á directora do Instituto de Matemática de Perugia, Patrizia Pucci; e á vicereitora da Escola Politéctica Federal de Lausanne, Kathryn Hess. Son profesionais de moitísimo prestixio académico e é un luxo contar con estas persoas.

No caso do comité industrial, temos ao exdirector de Ferroatlántica, Javier Bullón; director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; á CEO do Grupo Acebron e vicepresidenta da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME); ao directivo de Optare Solutions, Xosé Ramón Sousa; e ao directivo de SDG Group, Antonio Torrado. Desta forma, neste comité temos moitos sectores representados: industria e mecanizado, enerxía, telecomunicacións, Big Data e analítica de datos. Creo que representa moi ben o que podemos ofrecer nunha carteira de servizos de cara ás empresas e tamén o tecido que temos en Galicia. 

—Xa hai proxectos en marcha?

Hai investigación básica en todas as áreas: álxebra, xeometría, estatística, etcétera. Despois temos outros proxectos interesantes con empresas, por exemplo, con Reganosa na optimización de redes de gas; ou no ámbito europeo, como a participación nun consorcio no proxecto Zepelin arredor da economía circular no servizo de produción de hidróxeno verde. Outros que podería mencionar son o Smartiago, sobre o modelado e simulación de hábitos e mobilidade para deseño de estratexias de mobilidade urbana; e tamén algún que estamos desenvolvendo con Repsol. Un que acabamos de asinar e que é bastante interesante é un estudo da relación da contaminación ambiental e a evolución clínica de pacientes ingresados. 

“Crear referentes está moi ben, pero que ofrecemos despois? A carreira para as mulleres é dura e a conciliación hoxe en día aínda non é unha realidade”

—Como se integra a perspectiva de xénero nos plans do centro?

—Tendo en conta as cifras do persoal investigador vinculado, somos un 40% mulleres. Non obstante, no persoal investigador en formación, só son un 20%. Isto ten moito que ver coa teoría do chan pegañento: a medida que se vai ascendendo na carreira investigadora van quedado menos mulleres, isto é un feito coñecido e hai un montón de estatísticas que o avalan. O que penso que resulta preocupante é que partamos de cifras tan baixas agora, porque o que sería o noso relevo está reducido á metade. 

Con respecto a isto, que tamén saíu recentemente no libro branco que sacou a Real Sociedade de Matemática Española (RSME), obsérvase que está baixando a entrada de mulleres nas facultades de matemáticas. Este non é o caso da USC, onde os números se manteñen polo momento, pero todo apunta a que esta reducción se produce porque a docencia deixa de ser unha primeira opción. Co auxe do Big Data, é unha disciplina cada vez máis tecnificada, unha orientación máis cara á enxeñería, e este podería ser un dos aspectos que estea impedindo a entrada de mulleres.

Xa na carreira académica, as condicións que se ofrecen non son competitivas comparadas coas das empresas, e máis hoxe en día para unha persoa con coñecementos de matemáticas, e xa non digamos de mestrado. Son profesionais que están moi demandados e resulta difícil captalos para o ámbito académico, pero que as mulleres non o perciban como unha saída é un problema. Temos que crear referentes, pero precisamente, eu son membro da Comisión de Mulleres na Real Sociedade Matemática Española, é un dos debates que temos: crear referentes está moi ben, pero que ofrecemos despois? A carreira para as mulleres é dura e a conciliación hoxe en día aínda non é unha realidade.

—Como afectou a pandemia a esta alta demanda de profesionais das matemáticas?

Son profesionais moi demandados e moi ben pagados, que tamén é importante. Temos un título de máster e chégannos ofertas directamente das empresas para que as distribuamos que non damos cuberto. A pandemia agudizou a globalización. Ao instaurarse o teletraballo, atopámonos con egresados nosos que están traballando para empresas farmacéuticas de Bélxica dende as súas casas. É un fenómeno que antes non se dera, a mobilidade xa non supón un lastre para conseguir un traballo neste ámbito. Nalgúns casos claro, pero as empresas están dispostas a que a xente traballe dende as súas casas. 

“Con moi pouquiño esforzo podemos amosarlle á xente que están rodeados de matemáticas”

—A divulgación tamén é unha boa forma de potenciar a vocación matemática. 

Pese ao que poida parecer, facemos moita actividade de divulgación das matemáticas, tanto no ensino medio, como no primario e tamén a través da participación en distintos foros e organizacións. Inicialmente queremos organizar todo o que estamos facendo a nivel de charlas, exposicións e talleres, poder ter unha estrutura e un programa de divulgación que podamos ofrecer. A acollida das charlas de matemáticas nos centros de ensino é moi boa, pero tamén é moi boa a nivel de sociedade, cando participamos en actividades. As matemáticas están aí e con moi pouquiño esforzo podemos amosarlle á xente que están rodeados por elas. Creo que para todos é un descubrimento moi gratificante.

 

1 comentario

  1. Pois todo se amaña tengo unhas mellores condicións na academia e non pretender ter xente explotada nas universidades, quen vai quedar aí? Pois os parvos, porque os que sexan algo espabilados saberán que fóra da carreira científica terá moitas mellores condicións laborais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.