Concentración no campus de Ourense contra a universidade privada proxectada por Abanca. Foto: Duvi.
Concentración no campus de Ourense contra a universidade privada proxectada por Abanca. Foto: Duvi.

Os tres reitores galegos rexeitan nun comunicado a creación dunha universidade privada

Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa expoñen nun comunicado que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia“

Os campus das universidades públicas galegas acolleron este martes varias protestas nas que se rexeitou o proxecto de creación da universidade privada que promove a entidade Abanca. Esta xornada de mobilizacións coincidiu coa publicación dun comunicado asinado polos reitores das tres institucións, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, manifestando que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia“.


Comunicado dos reitores das Universidades públicas galegas

Somos tres universidades públicas as que compoñemos o Sistema Universitario Galego. As tres contamos con ampla experiencia en termos de éxito na formación de egresados, na investigación (producindo o 75% da realizada en Galicia) e na transferencia, ademais de estarmos comprometidas coa mellora e a responsabilidade social.

As tres universidades estamos atendendo conxuntamente ás demandas sociais de formación, axustando decontino as titulacións de grao e de mestrado á demanda, e facémolo de xeito coordinado coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Nestes momentos as prazas ofertadas permiten á cidadanía estudar practicamente calquera titulación de grao que desexen. Ninguén, con mérito, que desexe estudar e demande unha praza queda fóra. Somos quen de permitir, ademais, cos prezos públicos máis baixos de España (en Galicia o goberno autonómico tomou a decisión de optar por non subir os prezos durante os anos da crise), que as galegas e os galegos estuden preto da casa nunha universidade que está, en calquera caso, entre as 1000 mellores a nivel mundial.

Esta harmonización da oferta das tres universidades é a base para unha oferta sostible no tempo, mesmo neste momento en que estamos ás portas dunha baixada de estudantes locais por mor da grave crise demográfica que estamos a sufrir na nosa comunidade. Non se detecta falta de titulacións nin de prazas e, se se detectan, somos quen de responder ás novas competencias profesionais emerxentes con novas titulacións ou adecuando o número de prazas ofertadas nas xa existentes. Nesta situación cremos que non existe a necesidade de novas universidades en Galicia.

Por iso, fronte á iniciativa privada, pensamos que os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deben ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público. Pensamos que entre todos temos construído un sistema forte, competitivo e ben artellado, e aspiramos a melloralo aínda máis facendo que sexa eficiente, eficaz e sostible economicamente. Para iso precisamos urxentemente dun novo sistema de financiamento que proporcione autonomía, suficiencia e estabilidade financeira e que permita afrontar efectivamente os custos estruturais, así como financiamento polos resultados obtidos polas nosas institucións.

Non nos asusta competir coa iniciativa privada no eido da docencia, da investigación ou da transferencia porque somos moi conscientes da nosa capacidade. O que si nos preocupa é que esa competencia sexa desigual, non se traballe coas mesmas condicións nin se establezan resultados comparables, xa que nesta situación se vería afectada a condición indispensable da igualdade de oportunidades.

Agradecemos, xa que logo, ás organizacións sindicais e ás de representación estudantil que conforman a Plataforma pola Defensa da Universidade Pública o seu compromiso e apoio e pedimos á cidadanía e ás institucións públicas que poñan na súa axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que as universidades públicas do Sistema Universitario Galego sexan cada día un pouco máis fortes e poidan seguir mellorando e ocupando posicións de liderado na escena nacional e internacional, convencidos de que isto redundará nun mellor futuro para Galicia e para as galegas e galegos.

Asinado,
Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña
Antonio López Díaz , reitor da Universidade de Santiago de Compostela
Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.