Xoves 28 Marzo 2024

A Real Academia Galega de Ciencias entrega os seus premios

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou este mércores os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nun acto celebrado en Santiago de Compostela, ao que asistiu unha nutrida representación da comunidade científica galega, ademais dos reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Salustiano Mato e Xosé Luis Armesto; e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez.
O acto de entrega coincidiu coa apertura do curso académico da institución, na que o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, anunciou que o Día do Científico Galego, que se vén celebrando desde 2009, pasará a denominarse a partir de agora Día da Ciencia en Galicia. Aínda que a celebración seguirá a estar centrada en divulgar os logros da ciencia galega a través de figuras históricas destacadas, a RAGC pretende darlle así un carácter máis aberto e unha maior dimensión á conmemoración. A identidade do persoeiro que será homenaxeado neste 2015 darase a coñecer proximamente.

O presidente da RAGC apelou á ‘conciencia colectiva’ da importancia da ciencia

Ademais, Ríos anunciou a incorporación de seis novos académicos á institución ao longo deste ano e a próxima apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2015.
O presidente da RAGC enmarcou a evolución e a intensificación das actividades da institución na súa responsabilidade de contribuír á pedagoxía social sobre a importancia da ciencia. “Só dende a consciencia colectiva e dende a lóxica demanda social que dela se deriva se pode garantir que os gobernantes poñan en práctica políticas que promovan a ciencia e a tecnoloxía como base do desenvolvemento socioeconómico do futuro”, asegurou.
A lección maxistral de apertura do curso da RAGC estivo a cargo do académico Fernando Pérez González, da Universidade de Vigo, baixo o título “O que o ollo non ve. O Photoshop e a nova ciencia forense multimedia”.

Publicidade

Premio á investigación sobre ictus

O Premio de Investigación 2014, dotado con 6.000 euros, foi recollido por José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, todos eles membros do IDIS, organismo participado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pola USC. O seu traballo científico demostra que as estratexias reparadoras baseadas en terapia celular son unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por un ictus. A solución proposta polos investigadores galardoados consiste en estimular os mecanismos de reparación espontáneos que experimentan os pacientes que conseguen superar a enfermidade e acurtar os períodos de recuperación funcional, que agora superan os 6 meses.
Durante o discurso en representación dos premiados, Castillo reivindicou a humanidade como base da ciencia médica, entendida sempre como a arte de curar. “Grazas á ciencia e á súa aplicación humana, Galicia ten unha extraordinaria esperanza de vida da que nos temos que compracer”, asegurou.
Sobre a evolución da investigación do seu equipo, adiantou que a aplicación da terapia celular no infarto cerebral “abre a posibilidade da súa utilización en enfermidades dexenerativas, como nas demencias ou a enfermidade de Parkinson, e un futuro para doentes con enfermidades hoxe incurables”.

O físico Yago Bea Besada gañou o premio na categoría de novos investigadores

O presidente da RAGC destacou do traballo premiado o seu valor científico nunha rama tan avanzada como é a biotecnoloxía celular, ademais do seu valor socioeconómico polas solucións que achega tanto para os pacientes de ictus como para o sistema asistencial, dado que esta doenza representa entre o 2 e o 4% do gasto sanitario total e o 26% das incapacidades laborais en España.
O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, foi recollido polo físico de partículas da USC Yago Bea Besada. Aínda que a intención primeira da súa investigación é comprender a natureza en si mesma esta abordaxe permite posibles aplicacións prácticas, como a creación de novos tipos de materiais, utilizables na construción de supercomputadores, ou outras tecnoloxías de nova xeración.
Ríos destacou o alto nivel científico desta investigación e fixo un chamamento aos poderes públicos para atallar o risco que existe actualmente de perder investigadores novos con talento, “como o que demostra o autor deste traballo”. “Deixar que este capital se vaia non é o mellor camiño cara ao progreso”, engadiu o presidente da RAGC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificada unha proteína clave na recuperación tralo ictus

En España, unha persona sofre un accidente cerebrovascular cada seis minutos

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A contaminación aumenta o risco de sufrir un ictus a curto prazo

Unha estudo atopa unha forte asociación entre a exposición recente a contaminantes gasosos e o perigo de padecer un accidente cerebrovascular

Dúas pacientes con parálise grave recuperan a fala grazas a implantes cerebrais

Investigadores de Estados Unidos proban dúas novas neuropróteses nunha paciente con ELA e unha sobrevivente de ictus